Pasar al contenido principal

O Comité de Dirección da asociación EUNIS inicia unha visita á USC para planificar a celebración da súa conferencia anual en Santiago

O Comité de Dirección da asociación ‘European University Information Systems’ (EUNIS) inicia o vindeiro venres, día 3 de outubro, unha visita á USC para, entre outros asuntos, estudar os detalles da celebración da próxima conferencia desta asociación na universidade compostelá en 2009, primeira institución universitaria española que acollerá a reunión. A Conferencia Anual de EUNIS é a cita mais importante, no ámbito europeo e mundial, de reflexión sobre os asuntos vencellados ao desenvolvemento e utilización das TIC nas universidades.
Eunis 2009 na USCA elección da Universidade compostelá como sede desta conferencia, pese a existencia previa doutras candidaturas, tivo como referente o compromiso da USC no eido galego, nacional e europeo a prol do impulso e coordinación das políticas universitarias de TIC e a súa presenza activa nos distintos foros dos distintos ámbitos xeográficos. O secretario executivo de Eunis, Martin Price, considera que a celebración na universidade compostelá “permitiría profundar aínda mais os lazos entre EUNIS e as universidades españolas”.
A USC foi a primeira universidade española que ingresou en Eunis, aínda que actualmente outras institución universitarias españolas e a propia Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) forman parte desta asociación que, con sede en París, intenta dar pulo ao desenvolvemento conxunto dos sistemas de información das universidades europeas.
Ademais, a universidade compostelá foi a primeira institución con presenza no Consello (Council) de EUNIS, órgano de goberno do que forma parte desde xuño de 2006 o director da Área TIC da USC, Javier Franco, ao que tamén se sumou un representante da Universidade Politécnica de Valencia en representación de CRUE.
Dende o ano 1995, a Conferencia Anual celebrouse en Inglaterra (Manchester), Alemaña (Dusseldorf e Berlín), Francia (Grenoble), República Checa (Praga), Finlandia (Helsinki), Polonia (Poznan), Portugal (Porto), Holanda (Amsterdam), Eslovenia (Ljubljana), Estonia (Tartu), e finalmente en Dinamarca (Aarhus) na edición deste ano. As súas próximas citas serán Santiago de Compostela (2009) e Varsovia (2010).
EunisA asociación ‘European University Information Systems’ (EUNIS), da que a USC forma parte dende 2006, fundouse no ano 1993 integrándoa na actualidade máis de 70 membros de 22 países europeos ademais de Israel e Estados Unidos.
A súa meta é alentar o establecemento de vías de comunicación e colaboración entre os responsables dos sistemas de información nas institucións de educación superior, centros de investigación e organizacións afíns no ámbito xeográfico europeo. Ademais, a asociación quere fomentar o establecemento de enlaces cos principais subministradores neste campo así como con organizacións co obxecto de deseñar a axenda estratéxica para os sistemas de información no ensino superior e no eido investigador tanto nos ámbitos estatal coma europeo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.10.2008.