Pasar al contenido principal

O catedrático Ramón Máiz obtén o premio ao mellor libro de Ciencia Política en 2007

O catedrático da Universidade de Santiago Ramón Máiz obtén o Premio da Asociación Española de Ciencia Política e da Administración ao mellor libro neste eido en 2007. A obra galardoada foi Nación e Revolución: a teoría política de Emmanuel Sieyès que publicou a Editorial Tecnos.
Esta é a terceira vez que Ramón Máiz acada este premio. Anteriormente conseguiuno polos libros O Rexionalismo Galego: Organización e ideoloxía de Edicións do Castro, en 1994, e Veinte años de Autonomía en España do Centro de Investigacións Sociolóxicas en 2003.
Nación e RevoluciónNación e Revolución: a teoría política de Emmanuel Sieyès estuda o traballo dun dos pensadores máis profundos da Revolución Francesa. Tomando como ideas clave os conceptos de nación e revolución, o autor realiza unha análise non só dos textos máis coñecidos de Sieyès senón tamén dos seus discursos, folletos e manuscritos.
Interpretación innovadora que se aparta da usual consideración deste abate como inspirador da Constitución de 1791, o libro revela os argumentos fundamentais dunha teoría política en extremo orixinal, complexa e sofisticada.
A Asociación Española de Ciencia PolíticaA Asociación Española de Ciencia Política e da Administración creouse en abril de 1993 como consecuencia do notable avance e expansión destes estudos en España, sobre todo a partir da Lei de Reforma Universitaria que impulsou a institucionalización definitiva da disciplina.
A Asociación adopta o modelo de asociación científica e agrupa a, practicamente, todos os profesores e investigadores do Estado así como a boa parte dos profesionais relacionados tanto no eido universitario como en centros e institutos das administracións públicas, axencias, consultarías e organizacións do terceiro sector.
Os seus obxectivos son o desenvolvemento de estudos en Ciencia Política e da Administración en España, a mellora dos métodos e técnicas de análise, o impulso á investigación e o fomento da cooperación entre os expertos da materia, sempre dende o compromiso coa democracia e cos dereitos humanos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.10.2008.