Pasar al contenido principal

A Área de Autoemprego celebrará no Campus de Lugo un novo curso para fomentar a vocación empresarial

Segue aberto o prazo de inscrición para esta acción formativa, que é gratuíta

A Área de Autoemprego do Campus de Lugo dará comezo o luns 20 á cuarta edición do seminario ‘Emprender no Campus de Lugo. Unha realidade ao teu alcance’, que se organiza co obxectivo de incrementar a vocación empresarial entre os membros da comunidade universitaria, poñendo ao seu alcance as ferramentas suficientes para a transformación dunha idea nunha empresa con expectativas de futuro.
Estará impartido por BIC-Galicia e terá carácter gratuíto, contando para a súa organización coa Cámara de Comercio de Lugo. A inscrición para participar no curso está aínda aberta para os que desexen sumarse a esta iniciativa. Poden facelo na Área de Autoemprego do Campus de Lugo, situada no edificio CACTUS con teléfono 982 285.900, extensión 22860.
O programa do curso está dividido en tres módulos. O primeiro será un seminario sobre Difusión da Cultura Emprendedora que terá unha duración de dúas horas. Continuarán cun taller de xeración e maduración de ideas empresariais de 15 horas de duración e rematarán con outro seminario de planificación empresarial de 30 horas.
A temática centrase en difundir como xerar as ideas empresariais, romper os mitos sobre as persoas que crean empresas e mostrar a través de vivencias persoais de emprendedores que calquera pode desenvolver un proxecto empresarial. Ademais, darase orientación sobre como xerar e madurar ideas de negocio, coñecer os conceptos básicos, deseñar e elaborar un proxecto de empresa e contrastar a súa viabilidade.
A data de inicio será o luns ás 12:00 horas e a primeira sesión terá lugar na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, mentres que o resto do programa desenvolverase entre este mesmo centro e a Cámara de Comercio, entre os meses de novembro e decembro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.10.2008.