Debate o desenvolvemento do Grao de Pedagoxía e do Máster de Formación do Profesorado en Ciencias da Educación
O vicedecano da Facultade de Pedagoxía da Universidade de Barcelona, Javier Ventura Blanco, disertará este xoves 16 na Facultade de Ciencias da Educación da USC (Campus Sur) sobre o desenvolvemento do Grao de Pedagoxía e a experiencia que neste eido teñen acumulado os centros universitarios cataláns.
O interese desta contribución vén avalado polos avances realizados polas facultades de Cataluña, froito dun traballo colaborativo desenvolvido dende hai tempo. A conferencia celebrarase na Aula Pai Sarmiento de 10:00 a 11:30 horas para deseguido continuar o encontro cun debate aberto aos participantes sobre as cuestións tratadas na xornada.
Máster de formación do profesoradoXa o venres 17 no mesmo centro compostelán, será a quenda do decano de Ciencias da Educación da Universidade Autónoma de Barcelona, Màrius Martínez, quen relate a experiencia das universidades de Cataluña no deseño do máster de Formación do Profesorado de Educación Secundaria.
O profesor Martínez Muñoz dará conta das cuestións que o proceso de deseño deste máster suscitou, sobre todo no relativo á organización académica, acceso, oferta de prazas, organización do prácticum, ou especialidades, entre outros. A sesión desenvolverase igualmente a partir das 10:00 horas na Aula Pai Sarmiento.