Presentación da segunda edición do programa INITIA, destinado a estudantes de Secundaria de Lugo
A segunda edición do programa INITIA será presentado este luns 13 ante os representantes dos centros de ensino Secundario da cidade de Lugo e os novos alumnos que se suman a esta iniciativa, nun acto que está aberto a todos os interesados. Este programa foi creado pola Sección Ibérica da sociedade científica Sigma Xi como unha iniciación á investigación de alumnos de Secundaria e Bacharelato na Universidade. Colaboran na súa promoción a Vicerreitoría de Relacións Institucionais da USC e a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
A presentación terá lugar no Salón de Actos da Escola de Formación do Profesorado de Lugo ás 13:00 horas a cargo do vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto; o delegado da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, Luis Manuel Álvarez Martínez, e o presidente da Sección Ibérica de Sigma Xi e profesor da USC, Urbano Fra Paleo.