Pasar al contenido principal

O investigador Ernest Giralt, recoñecido especialista en síntese e elucidación estrutural de péptidos a través de RMN, imparte unha serie de conferencias na Facultade de Química

O científico do Instituto de Investigación Biomédica (IRB Barcelona) e profesor da Universidade de Barcelona, Ernest Giralt, imparte esta semana unha serie de conferencias organizadas polo Departamento de Química Orgánica da USC.
A primeira das intervencións producirase este martes 17 para profundar sobre o recoñecemento molecular de superficies proteicas. Ao día seguinte, o tema da conferencia será a inhibición da enzima Prolil Oligopeptidasa. A quenda de conferencias rematará o xoves 19 co intervención ‘Saltando obstáculos: péptidos lanzadera’. Todas as sesións celebraranse ás 12:00 horas na Aula Magna da Facultade de Química.
O grupo de Ernest Giralt dedica especial atención ao estudo das propiedades dinámicas das proteínas e ao deseño de ligandos específicos que poidan interaccionar coas superficies das proteínas. Ademais, nos últimos anos, implicáronse no estudo de vacinas sintéticas, inhibidoras da agregación de proteína amiloide e péptidos antitumorais extraídos de organismos mariños.
Ernest Giralt é xefe de grupo e coordinador do programa de Química e Farmacoloxía Molecular no IRB Barcelona. Está considerado como un dos líderes mundiais en síntese e elucidación estrutural de péptidos a través de Resonancia Magnética Nuclear (RMN). Ao longo da súa carreira, Giralt introduciu moitas técnicas novidosas para a construción e interpretación das estruturas de novos péptidos. Entre outras metas científicas, liderou a creación do Servizo de RMN do Parque Científico de Barcelona, hoxe recoñecido internacionalmente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.06.2008.