O Centro de Linguas Modernas organiza en xullo e setembro cursos de inglés para o profesorado, PAS e alumnos de 3º Ciclo do Campus de Santiago
O Centro de Linguas Modernas da USC organizará nos meses de xullo e setembro cursos de lingua inglesa dirixidos ao profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado do Terceiro Ciclo do Campus de Santiago. As clases impartiranas alumnos do programa CELTA de formación de profesores de inglés, como parte práctica do seu período formativo.
Con carácter gratuíto, en xullo desenvolveranse entre os días 2 e 30 e en setembro entre o 2 e o 29. Serán un total de 40 horas lectivas, dúas ao día durante catro semanas de luns a venres, na Facultade de Ciencias da Comunicación na franxa horaria comprendida entre as 16:30 e as 18:45 horas.
Para poder acceder a algún dos grupos, o venres 13 realizarase unha proba de nivelación ás 16:30 horas na Sala de Graos da Facultade de Filoloxía. Tras a súa realización, farase unha selección dos examinados para formar grupos homoxéneos en canto ao seu nivel de dominio do inglés. Os resultados comunicaranse aos seleccionados a través do correo electrónico á semana seguinte da proba.
Ao longo das sesións programadas practicaranse todo tipo de destrezas, a gramática e o vocabulario, con especial fincapé no aspecto comunicativo da lingua. Ademais, aos alumnos que teñan unha asistencia superior ao 60% expediráselles unha certificación na que constará o grao de aproveitamento, horas e nivel acadado.
En total ofertaranse 40 prazas, tanto para a convocatoria de xullo como para a de setembro, cun mínimo de dous grupos docentes en cada un dos meses, de niveis distintos e un máximo de 20 alumnos por grupo.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Centro de Recursos de Idiomas na Facultade de Ciencias da Comunicación entre as 10:00 e as 12:00 horas ou ao teléfono 981.56.31.00 extensión 16599 no mesmo horario.