Pasar al contenido principal

A UXFS celebra dende o luns un curso de modelización forestal e unha serie de conferencias sobre este tema

O grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible da Escola Politécnica Superior de Lugo (USFS) realizará dende o luns 16 ao venres 20 o curso titulado ‘Designing forests to provide multiple services’, que estará a cargo do profesor Klaus v. Gadow, da Universidade alemana de Göttingen.
Este curso de modelización forestal desenvolverase de 9:00 a 12:00 horas na Escola Politécnica Superior. Os relatorios serán en inglés e a asistencia é libre e gratuíta. Coa inscrición pechada, participarán 20 persoas.
Paralelamente, entre o mesmo luns e o xoves 19, dentro do programa de doutorado Enxeñaría para o desenvolvemento rural, a Unidade de Xestión Forestal Sostible realizará unha serie de conferencias tamén sobre modelización forestal, que terán lugar na Escola.
As dúas primeiras destas charlas estarán a cargo do profesor Harold E. Bukhart, do Instituto estadounidense Politécnico de Virxinia e serán o luns e o martes, de 16:00 a 18:00 horas. Na primeira dará unha descrición da investigación sobre crecemento e produción de pino de Loblolly e na segunda falará do espaciado inicial sobre produción de madeira.
O xoves intervirán en primeiro lugar, de 16:00 a 18:00, Margarida Tomé, do Instituto Superior de Agronomía de Lisboa, que falará da investigación sobre crecemento e produción do eucalipto en Portugal. Finalizará o ciclo de charlas Paula Soares, do mesmo centro, que falará da modelización dos bosques de Quercus suber nese país.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.06.2008.