"Hai saída dun buraco negro"
Para Stephen Hawking non hai maior buraco negro que o momento no que lle diagnosticaron a esclerose lateral amiotrófica pero, comentou, “hai saída del”. Tal e como adiantou hoxe nun encontro cos medios de comunicación en Santiago de Compostela, esta será unha das cuestións a tratar na conferencia do sábado 27, ás 18:30 horas, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, acto no que recollerá o Premio Fonseca 2008.
Non obstante, o programa de actividades conta con outro achegamento ao público máis xeral como é o estudantado de Educación Secundaria que asistirá este venres, día 26, no Instituto Rosalía de Castro, á presentación oficial do seu último libro La clave secreta del universo. Una maravillosa aventura por el Cosmos. Na mesma sesión aproveitarase para dar a coñecer Brevísima historia del tiempo, publicación que xa fora presentada no 25 aniversario dos Premios Príncipe de Asturias.
Encontro cos mediosNo encontro coa prensa, Hawking profundou en temas de máxima actualidade como o acelerador de partículas do CERN, o cambio climático, a colonización do espazo, a existencia de Deus ou a posibilidade de viaxar no tempo.
Cunha aposta de 100 dólares a que o acelerador europeo non atopa o bosón de Higgs, a partícula que dá masa ao resto das partículas, Hawking destacou a importancia de que a iniciativa científica continúe adiante. Opina que “tanto o LHC como o programa espacial son vitais se a raza humana non quere facer o ridículo e, eventualmente, perecer”.
O investigador británico non descarta a desaparición da humanidade. Para Hawking “será moi difícil evitar un desastre na Terra nos vindeiros cen anos, non xa nos próximos mil ou millón de anos”. “Sucederá nun futuro”, explicou, aínda que, se a ciencia avanza, “esperemos ter conquistado nese intre outros planetas”. Por iso, considera que os científicos teñen unha “responsabilidade especial de informar á xente e aconsellar aos líderes acerca dos perigos que afronta a humanidade”.
Entrega do premioO importante labor divulgador de Stephen Hawking recoñécese coa entrega do Premio Fonseca 2008 que, na súa primeira edición, concede o Programa Conciencia, apoiado conxuntamente pola Universidade de Santiago e o Consorcio de Santiago.
O xurado do galardón recoñeceu a Hawking no mes de xuño "a súa excepcional mestría na popularización de conceptos complexos da Física no borde último da nosa comprensión do Universo, combinada coa máis alta excelencia científica".
Nesta primeira edición o xurado estivo formado polo reitor da USC, Senén Barro; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o catedrático de Física Teórica da USC, Carlos Pajares; o director de programas do Consorcio de Santiago, Xosé Denis; o director do Planetario de Pamplona, Javier Armentia; o director do programa da TVG ‘Ciencia Nosa’, Xosé Rodríguez Durán; e o comisario do programa Conciencia, Jorge Mira.
Stephen HawkingNado en 1942 en Oxford, Hawking ocupa dende os seus 37 anos a célebre cátedra Lucasiana de Matemáticas do Departamento de Matemática Aplicada e Física Teórica da Universidade de Cambridge que, fundada en 1663, ocuparon, entre outros, por Isaac Newton e o premio Nobel de Física Paul Dirac.
Aos 21 anos foille diagnosticada unha Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) que lle dexenerou de xeito progresivo as células do sistema nervioso encargadas do movemento muscular voluntario, chegando a unha situación de parálise case absoluta na que só se pode comunicar a través da súa cadeira de rodas, cun sintetizador de voz incorporado que responde aos movementos dunha das súas pálpebras.
Esta total incapacidade de movementos non impediu que o profesor Hawking desenvolvese unha actividade ao máximo nivel científico no eido da Física Teórica pola que recibiu os máis prestixiosos recoñecementos. As súas principais achegas céntranse na análise de buracos negros e na Teoría da Relatividade Xeral de Einstein, na que se enmarca o seu traballo sobre o espazo-tempo que deu sustento matemático á teoría do Big-Bang.
Stephen Hawking destaca tamén polo seu relevante labor de divulgación científica. O seu libro A Brief History of Time (Unha breve historia do tempo) foi un best-seller mundial con máis de dez millóns de exemplares vendidos.