Comeza en Vilagarcía de Arousa un novo curso de verán sobre xestión dos cascos históricos nas vilas galegas
A renovación urbana das vilas galegas dende unha perspectiva interdisciplinaria é o obxecto de estudo do novo curso de verán da USC que se inaugura este xoves 4, ás 9:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa. Dirixidas por Juan Luis Dalta Escudero, as sesións académicas continuarán ata o sábado, día 13, co fin de fomentar o debate acerca dos principais mecanismos de xestión dos cascos históricos en ditas cidades, segundo principios de sustentabilidade global.
Ademais dos enfoques tradicionais que proveñen de eidos como a arquitectura ou o urbanismo, tamén se reflexionará sobre o tema relacionándoo co turismo, identidade, paisaxe e co papel das novas tecnoloxías en ditos procesos.
Logo do acto de apertura, o director do curso pronunciará, ás 10:00 horas, a conferencia ‘Os centros históricos das vilas galegas’ e, ás 12:00 horas, o profesor da Universidade da Coruña, Manuel García Docampo, falará destes lugares como escenarios para a permanencia, o cambio e as identidades.
Pola tarde, tratarase ás 16:00 horas a rehabilitación da vila de Pontedeume da man do profesor da Universidade da Coruña, Ricardo Beltrán Pedreira, e ás 17:30 horas, o docente da USC Xosé M. Santos Solla explicará o turismo nas vilas históricas galegas. A primeira xornada do curso pechará ás 19:00 horas co relatorio do arquitecto urbanista Alfonso Díaz Revilla titulado ‘Planificación espacial do conxunto histórico de Ribadeo. Antecedentes e situación actual’.
O resto das intervencións programadas versarán sobre paisaxe, patrimonio, desenvolvemento local, innovación e era dixital nas urbes ou a relación entre identidade cultural e territorio en Galicia, entre outras cuestións.