O Posgrao de Especialista en Inserción Sociolaboral de Colectivos de Inclusión Social chega á súa segunda edición
Os Departamentos de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social e de Didáctica e Organización Escolar da USC organizan novamente o Curso de Posgrao de Especialista en Inserción Sociolaboral de Colectivos de Inclusión Social, dirixido a profesionais en activo e en formación que traballan ou van traballar con colectivos que se atopan nunha situación de exclusión social e laboral.
O curso desenvólvese en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia e co Fondo Social Europeo, que asumen o reto da formación para a inserción sociolaboral como un compromiso co desenvolvemento persoal, convivencia pacífica e acceso real ao mundo laboral e as súas implicacións no ámbito da profesionalización.
O posgrao desenvolverase, na súa segunda edición, en modalidade semipresencial ao longo do presente curso académico, entre o 3 de novembro de 2008 e o 15 de maio de 2009. A preinscrición poderá realizarse ata o 22 deste mes de setembro, sendo o período de matrícula do 20 ao 29 de outubro.
As directoras do curso, as profesoras María Dolores Fernández Tilve e María Esther Olveira Olveira, confían en que os seus destinatarios acaden o grao de especialización necesario para unha maior integración sociolaboral e unha cuota mínima de calidade de vida dos colectivos en situación de risco.