Pasar al contenido principal

A USC colabora nunha acción de investigación sobre os episodios tóxicos de orixe fitoplanctónico en moluscos bivalvos de Galicia

A Universidade de Santiago de Compostela, xunto co Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia e a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar para o Desenvolvemento traballarán nunha acción de investigación sobre os episodios tóxicos de orixe fitoplanctónico en moluscos bivalvos de Galicia, segundo acordaron esta mañá na sinatura do convenio coas Consellarías de Pesca e Asuntos Marítimos e de Innovación e Industria. O acto de sinatura tivo lugar na sede do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, en Vilagarcía de Arousa.
O obxectivo principal deste proxecto é o fortalecemento do sector da acuicultura de moluscos bivalvos a través da articulación das investigacións sobre os episodios tóxicos de orixe fitoplanctónica (mareas vermellas) nunha estrutura coordinada con capacidade para orientar e priorizar desenvolvementos futuros e resolver problemas inmediatos derivados da regulación, xestión ou control dos mesmos. Con este traballo coordinado búscase ademais perfeccionar e innovar o sistema de control de biotoxinas actual e avaliar as posibles vías de solución a curto e medio prazo da presenza desta toxina.
Para a posta en marcha desta iniciativa, a Consellería de Innovación e Industria achega, a través do Plan Galego de I+D+i, un total de 1.138.683 euros e a súa vixencia comprenderá o período que vai dende a sinatura do convenio de colaboración ata o 31 de decembro de 2011. Ademais, coa información final que se obteña deste estudo, a Xunta de Galicia disporá dun marco de actuación para a posta en marcha de futuras políticas de prevención e control dos procesos tóxicos que padecen os bivalvos.
Importante sectorO sector da acuicultura de moluscos bivalvos ten unha grande importancia en Galicia tanto no que se refire á produción e ás cifras de negocio, como en número de empregos directos e indirectos, sobre todo grazas ao cultivo do mexillón e doutras especies nas nosas rías. A acuicultura galega domina, ademais, no mercado nacional e é un dos principais subministradores nos mercados europeos.
Aínda con todo isto, os atrancos que sofre esta actividade económica por mor das mareas vermellas son importantes, podendo considerarse como o principal problema ao que teñen que facer fronte os cultivos en Galicia. Neste sentido, e para paliar as consecuencias da aparición destes compostos tóxicos, é necesario actuar sobre varias vías e, fundamentalmente, sobre unha correcta regulación dos niveis tolerables. Así, no marco deste proxecto, traballarase sobre a implementación dun sistema de control optimizado en termos de custo económico e de desenvolvemento de métodos de redución da acumulación da toxina nos bivalvos, profundizando nos procesos que regulan a acumulación (aproximación fisiolóxica) e nos propios organismos (aproximación xenética).
Este estudo contén liñas de investigación cuxos resultados van ser determinantes no futuro do sector da acuicultura de bivalvos, e en concreto do mexillón. Entre eles, o perfeccionamento do sistema de control actual para mellorar na predición das mareas vermellas, ou a aplicación de estratexias fisiolóxicas e xenéticas na busca de métodos para lograr que o mexillón non se intoxique ou elimine a toxina máis rapidamente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.09.2008.