O Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía organiza unhas conferencias sobre o problema mente-cerebro
O Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC organiza dos días 15 ao 26 de setembro o ciclo de conferencias ‘A conciencia reavivada: aproximacións transdisciplinarias ao problema mente-cerebro’, que serán impartidas polo investigador e profesor da Universidade Nacional Autónoma de México José Luís Díaz.
O ciclo, que se desenvolverá todos os días ás 12:00 horas no seminario de Psicobioloxía da Facultade de Psicoloxía, darán comezo este luns 15 coa charla ‘As fases do problema mente-cerebro e a flama misteriosa’ para continuar o martes con ‘Un modelo circunflexo do sistema afectivo e da identidade da dor’.
A neurobioloxía da compaixón e da emoción musical, a ciencia cognitiva, o xogo da vida e o coñecemento, a conciencia, o cerebroscopio e a morte, a conciencia visionaria e as plantas máxicas e o simbolismo de Quetzacóalt serán os temas das conferencias dos días seguintes, que rematarán o venres 26 coa charla ‘A escola de Cajal, os refuxiados da Guerra Civil e a conciencia galeguista’.
As conferencias, dirixidas a persoal docente e investigador e alumnos de terceiro ciclo, enmárcanse no programa de doutoramento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía, distinguido coa Mención de Calidade do MEC.
José Luis DíazJosé Luis Díaz Gómez é investigador no Departamento de Historia e Filosofía da Medicina, na Facultade de Medicina da UNAM (México) e foi profesor visitante de varias Universidades dos Estados Unidos e de España.
Díaz conxuga no seu currículo unha sólida e ampla experiencia nos eidos da Medicina, Filosofía da Ciencia, Neurociencias e as Ciencias da Conducta. Ten publicados numerosos traballos en prestixiosas editoriais e revistas científicas, libros e textos didácticos. É ademais membro de diversas sociedades científicas internacionais e mexicanas.