Pasar al contenido principal

O grupo GIS-T IDEGA da USC presenta no concello de Abadín os proxectos 'Granxafamiliar.com' e 'Diverciencias Granxas Dixitais'

Os integrantes do grupo de investigación GIS-T IDEGA da USC presentarán o vindeiro domingo 21 os proxectos ‘Granxafamiliar.com’ e ‘Diverciencias Granxas Dixitais’ no Concello de Abadín nun acto que comezará ás 12:00 horas na antiga Cámara Agraria. Tanto ‘Granxafamiliar.com’ como ‘Diverciencias Granxas Dixitais’ son iniciativas promovidas polos investigadores composteláns para a posta en valor do medio rural e dos elementos constitutivos empregando as novas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.
Granxafamiliar.comGranxafamiliar.com trata de difundir a utilización das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no medio rural galego co fin de valorar a calidade de vida e pór en valor a súa cultura, establecer canles de comunicación entre os mundos rural e urbano, incluír no mercado a produción tradicional de autoconsumo das explotacións agrarias familiares e promover a difusión das TIC como ferramentas de intervención social fronte á Fenda Dixital.
O Grupo de Investigación GIS-T Idega da USC, no marco do proxecto SINDUR, comezou a traballar en 2007 neste sistema de xestión de información para impulsar o desenvolvemento social, económico e cultural no medio rural galego e, de forma experimental, nos Concellos de Brión e Antas de Ulla, entre os socios da Cooperativa Feiraco e a través de granxas emprendedoras asociadas ao proxecto ‘Ferrados’ de Cáritas Diocesana de Santiago. Na actualidade, Granxafamiliar.com conta con quince granxas participantes que ofrecen preto de 30 produtos diferentes, cifra que se incrementará en breve ao sumarse á iniciativa o Concello de Lalín.
Con este sistema avanzado de xestión telemática de información búscase a complementariedade e sinerxía entre territorios emprazados na Galicia occidental coa da Galicia interior. Establécese deste xeito unha ponte de comunicación entre produtores e compradores que evitará as elevadas comisións das empresas intermediarias, cuns custes dificilmente salvables para economías tan reducidas como as familiares, e por extensión incrementará as rendas do rural galego.
Granxafamiliar.com está dirixido ás familias agrarias produtoras de Galicia que tradicionalmente practicaron o policultivo e a multifuncionalidade rural, destinando a súa produción basicamente ao autoconsumo familiar e que actualmente están en disposición de introducir no mercado dita produción. Polo lado da demanda diríxese a calquera comprador, sexa familia, colectivo, empresa en xeral ou institucións sociais que se sintan atraídos polos prezos, a calidade dos produtos e por unha nova forma de comercio.
Diverciencias Granxas DixitaisFamiliarizar aos escolares coas novas tecnoloxías como ferramenta para achegarse ao mundo rural ao tempo que se relacionan coa informática e Internet dun xeito didáctico e divertido é o obxectivo do proxecto ‘Diverciencia Granxas Dixitais’.
A experiencia de visita ás granxas, onde realizarán diversas actividades relacionadas coa vida cotiá nelas, compleméntase coa exposición nos colexios das actividades realizadas recollidas en formato dixital e publicadas no sitio web www.granxafamiliar.com.
O proxecto amosa á sociedade galega a riqueza do eido rural galego a través dos máis pequenos, empregando como ferramentas estratéxicas as novas tecnoloxías, ao tempo que se promove a participación dos cidadáns nas actividades de ciencia, innovación, tecnoloxía e emprendemento. No seu conxunto, esta iniciativa buscar facer da sociedade galega unha sociedade ben informada no ámbito da ciencia e a tecnoloxía na Sociedade da Información.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.09.2008.