O proxecto 'As vítimas, os nomes e as voces' dixitaliza importantes documentos que nos achegan á vida das familias galegas durante a ditadura
O proxecto de investigación interuniversitario ‘As vítimas, os nomes e as voces’ acaba de dixitalizar dous importantes documentos que permiten achegarse á vida cotiá das familias galegas durante a ditadura. Con estes traballos, os investigadores porán á disposición da cidadanía uns textos dun valor histórico incalculable.
Por unha banda, dixitalizouse o diario do agochado das Nogais, Gonzalo Becerra. Este documento foi prestado ao proxecto polo seu actual propietario Ovidio Becerra, irmán do autor do escrito. Son máis de 10.000 imaxes dixitais dun texto manuscrito onde o autor vai narrando a cotidianidade da súa familia, desde os duros anos da guerra civil até finais da década dos sesenta.
A familia Becerra é unha das tantas galegas que padeceu a persecución franquista durante a ditadura. Dous fillos, Manuel Antonio e Gonzalo, estiveron agochados na súa casa durante anos, sendo Gonzalo exemplo de "toupo" ao saír en 1975, tras a morte de Franco. A través do escrito podemos saber como era a vida dunha familia labrega durante a ditadura, as inquedanzas políticas dos primeiros anos e os problemas económicos aos que se enfrontaban.
Tamén este mes de xullo o proxecto de investigación recuperou os diarios do mariñense Jesús Carballo Quiroga, onde narra as vivencias del e os seus veciños ao longo da guerra civil e da ditadura franquista. En catro tomos, este mariñeiro conta os seus recordos na vila pontevedresa desde moi cedo (el nacera en 1917), a II República, a Guerra civil e a súa estancia en Pasaia onde acabou residindo. Os documentos, propiedade da súa familia, foron recollidos polos colaboradores do proxecto na vila guipuscoana Manoel Irixoa e Xabier Portugal –este último recentemente falecido-, que xentilmente nos cederon unha copia.
Esta documentación xúntase aos diarios que os investigadores poñerán proximamente a disposición dos cidadáns e nos que se reflicten as vivencias de moitos dos galegos represaliados pola ditadura. Un deles, o de Luís Pérez, verá proximamente a luz en Ediciós do Castro.