Presentado en San Xerome o libro 'La conciencia viviente', do profesor de orixe galega na UNAM José Luis Díaz
La conciencia viviente é o título do libro que este martes 23 presentou na USC José Luis Díaz, profesor de orixe galega na Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), nun acto que presidiron os vicerreitores de Relacións Institucionais e de Cultura, Lourenzo Fernández e Elias Torres. Na sesión, que se desenvolveu no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, participaron tamén os profesores da USC Carlos Acuña e Fernando Díaz.
Esta obra ofrece unha ampla panorámica do estado da conciencia dende tres puntos de vista complementarios como son o filosófico, o fenomenolóxico e o neurocientífico. Ao longo dos 16 capítulos que a conforman, José L. Díaz aborda o problema da relación da conciencia coa actividade cerebral e corporal, o establecemento dun modelo axeitado para a súa mellor compresión e o seu estudo empírico.
Así, o tema que incardina toda a publicación é a abordaxe do denominado “problema mente-corpo”, a partir do que o autor establece como unha das súas teses a idea de que a conciencia é un fenómeno peculiar dos organismos vivos, en definitiva, “unha vivencia”.
Para acadar os seus obxectivos, José L. Díaz traza unha traxectoria transdisciplinaria que o leva a tomar referencias de espazos tan diversos como as ciencias biolóxicas, sociais ou humanísticas, pero tamén das neurociencias, as ciencias da conduta, a psiquiatría, a filosofía da mente, ou da teoría da literatura.
O autorJosé L. Díaz realiza estes días unha estadía como profesor visitante no Departamento de Psicoloxía e Psicobioloxía da USC impartindo un ciclo de conferencias titulado ‘A conciencia reavivada: aproximacións transdisciplinarias ao problema mente-cerebro’. Previamente, realizara outra estadía similar en 1999 na que desenvolvera varios dos temas que chegaron a constituír o cerne do libro presentado.
O autor conxuga no seu currículo unha sólida e ampla formación e experiencia nos eidos da Filosofía da Ciencia, as Neurociencias e as Ciencias da Conduta adquirida na UNAM e nas universidades de Harvard e Arizona. Ademais ten publicado numerosos traballos en prestixiosas editoriais e revistas científicas, como libros, compilacións, artigos de investigación, textos didácticos e artigos de divulgación. É membro de diversas sociedades científicas internacionais e mexicanas, ademais de ter dirixido diversos traballos de investigación.