Pasar al contenido principal

Un congreso en Santiago reflexiona sobre como acadar unha coparentalidade responsable

Comeza esta xoves o primeiro Congreso Multidisciplinar sobre Interferencias Parentais en Rupturas de Parella

‘Por unha coparentalidade responsable’ é o lema do primeiro Congreso Multidisciplinar sobre Interferencias Parentais en Rupturas de Parella que se vai celebrar en Santiago coa participación de corenta profesionais de recoñecido prestixio profesional e científico procedentes dos ámbitos legal, sanitario e psicoxurídico.
Entre os días 11 e 13, este congreso centrarase na análise e valoración das consecuencias das separacións e divorcios nos fillos dende un punto de vista xurídico, médico e psicosocial. As intervencións tamén prestarán atención ao estudo daquelas intervencións institucionais e profesionais que minimicen os posibles efectos adversos aos menores e que ao tempo poidan incidir no seu benestar e axeitada maduración persoal.
A inauguración do encontro celebrarase na Escola Galega de Administración Pública este xoves 11 ás 9:45 horas coa asistencia do vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán, Santos, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Antonio González Nieto; a directora xeral de Xustiza, Begoña Santos; o vicevaledor primeiro do Pobo e responsable de temas de infancia, José Julio Fernández; o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira; a concelleira de Benestar de Santiago, Mar Martín; e o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela.
O director xeral de Dereito e Entidades Xurídicas da Generalitat de Cataluña, José Pascual Ortuño, será quen pronuncie ás 10:30 horas a conferencia inaugural, titulada ‘O exercicio conxunto das responsabilidades parentais tras a separación ou o divorcio’. O programa matinal completarase coa celebración dunha mesa redonda na que se afondará nas particularidades da custodia compartida.
A sesión da tarde inclúe, entre as 16:00 e as 17:30 horas, a celebración simultánea de dúas mesas de debate nas que se profundará na relación entre interferencias parentais e síndrome de alienación parental e sobre a avaliación e intervención na ruptura de parella. As repercusións das interferencias parentais será o tema da mesa redonda que pechará a primeira sesión.
Este congreso está organizado conxuntamente pola Asociación Española Multidisciplinar de Investigación sobre Interferencias Parentales (ASEMIP), o Grupo de Investigación PS1 da Universidade de Vigo, a Unidade de Psicoloxía Forense da USC, así como pola Asociación Galega de Psicoloxía e Lei. A estas entidades e grupos súmase a colaboración de UNICEF, da Asociación Española de Psiquiatría del Niño y del Adolescente, a Asociación Española de Abogados de Familia (AEAFA), o Colexio de Avogados de Santiago, o Foro Judicial Independiente, a Xunta de Andalucía, a Fundación Child Care, a Escola Galega de Administración Pública, e o patrocinio dos ministerios de Sanidade e Consumo, de Ciencia e Innovación; das consellarías de Presidencia, Administracións Públicas, Innovación e Industria, e Xustiza; da Deputación da Coruña, e o Departament de Xusticia da Generalitat de Catalunya.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.12.2008.