Pasar al contenido principal

O presidente do Congreso clausurou esta fin de semana o primeiro Congreso Multidisciplinar sobre Interferencias Parentais en Rupturas de Parella

O presidente do Congreso dos Deputados, José Bono (no centro), clausurou o encontro
O presidente do Congreso dos Deputados, José Bono (no centro), clausurou o encontro

O presidente do Congreso dos Deputados, José Bono, clausurou este sábado en Santiago o primeiro Congreso Multidisciplinar sobre Interferencias Parentais en Rupturas de Parella, no que durante tres xornadas participaron corenta profesionais de recoñecido prestixio profesional e científico procedentes dos ámbitos legal, sanitario e psicoxurídico.
Entre os días 11 e 13 desde mes o encontro centrouse na análise e valoración das consecuencias das separacións e divorcios nos fillos dende un punto de vista xurídico, médico e psicosocial. As intervencións tamén prestaron atención ao estudo daquelas intervencións institucionais e profesionais que minimicen os posibles efectos adversos aos menores e que ao tempo poidan incidir no seu benestar e axeitada maduración persoal.
Este congreso estivo organizado conxuntamente pola Asociación Española Multidisciplinar de Investigación sobre Interferencias Parentales (ASEMIP), o Grupo de Investigación PS1 da Universidade de Vigo, a Unidade de Psicoloxía Forense da USC, así como pola Asociación Galega de Psicoloxía e Lei.
A estas entidades e grupos sumouse a colaboración de UNICEF, da Asociación Española de Psiquiatría del Niño y del Adolescente, a Asociación Española de Abogados de Familia, o Colexio de Avogados de Santiago, o Foro Judicial Independiente, a Xunta de Andalucía, a Fundación Child Care, a Escola Galega de Administración Pública, e o patrocinio dos ministerios de Sanidade e Consumo, de Ciencia e Innovación; das consellarías de Presidencia, Administracións Públicas, Innovación e Industria, e Xustiza; da Deputación da Coruña, e o Departament de Xusticia da Generalitat de Catalunya.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.12.2008.