Pasar al contenido principal

Unhas xornadas no CEA buscan mellorar a competitividade do sector vitivinícola

As II Xornadas ‘Espazo de innovación vitivinícola: cara unha viticultura e enoloxía de calidade’ comezaron no CEA
As II Xornadas ‘Espazo de innovación vitivinícola: cara unha viticultura e enoloxía de calidade’ comezaron no CEA

Reflexionar sobre a innovación como ferramenta clave para mellorar a competitividade das empresas do sector vitivinícola é o obxectivo das xornadas que este mércores e xoves se desenvolven no Centro de Estudos Avanzados.
As II Xornadas ‘Espazo de innovación vitivinícola: cara unha viticultura e enoloxía de calidade’ propón un programa que combinará a presentación de casos empresariais de éxito no eido da xestión e a aplicación de prácticas innovadoras coa mostra de tendencias e resultados de investigación aplicada no sector vitivinícola. Inclúese ademais a organización de encontros entre empresarios e grupos de investigación.
A xornada encádrase no Espazo de Innovación Vitivinícola, iniciativa de promoción da innovación no sector que facilita ao tecido empresarial e á comunidade científica un acceso preferente a unha ampla gama de servizos orientados a introducir solucións de I+D+i nos procesos de viticultura, elaboración de viño e xestión integral das adegas.
Dirixido tanto a viticultores, adegas e empresas auxiliares como a investigadores con oferta científico-tecnolóxica para o sector, o encontro está coordinado pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e concretamente polos profesores da USC Tomás González Villa, Pilar Calo Mata, Jorge Barros Velázquez e Patricia Veiga Crespo.
ProgramaAs xornadas inauguraronse este mércores 3 tratando os novos avances na xenética da fermentación alcohólica e os métodos de detección precoz de microorganismos alterantes de viños. A sesión matinal rematou cunha charla do presidente de Pagos Marqués de Griñón, Carlos Falcó, e a presentación da Cooperativa vitivinícola do Ribeiro e Grupo de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo como caso de éxito de colaboración entre empresa e universidade.
Na tarde, a partir das 18:00 horas, celébrase unha mesa redonda na que diversos expertos universitarios e do mundo empresarial analizan as necesidades de formación en enoloxía.
Xa o xoves 4 desenvolveranse ao longo do día conferencias sobre diversas cuestións como a vinificación dos viños espumosos, liñas de investigación en bacterias lácticas, a enoloxía do século XXI, a viticultura biodinámica ou a eficacia e seguridade nos tratamentos fitosanitarios.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.12.2008.