Implicadas/os no Desenvolvemento-Santiago celebra o seu décimo aniversario cunha exposición en Filosofía
A ONG Implicadas/os no Desenvolvemento-Santiago (IND) cumpre dez anos de traballo ininterrompido e crecente no labor de sensibilización, accións de presión política e cooperación ao desenvolvemento. Con motivo deste aniversario organizan a mostra ‘Memoria expo 10X10 Implicadas’, unha produción propia coa colaboración da Vicerreitoría de Cultura, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e Cooperación Galega.
A inauguración da exposición terá lugar o martes, 9 de decembro, ás 20:00 horas no vestíbulo da Facultade nun acto ao que asistirán, entre outros, o vicerreitor de Cultura, Elias Torres, e a presidenta e fundadora de Implicadas, María Reimondez.
IND é unha ONG de desenvolvemento apartidaria e aconfesional que actúa en Galicia con dous obxectivos principais: apoiar proxectos de desenvolvemento en países en vías de desenvolvemento e sensibilizar á comunidade galega, española e dos países desenvolvidos dos problemas das comunidades coas que traballa e da necesidade dun cambio global para erradicar a pobreza.
Na actualidade IND financia e apoia dous proxectos na India e outros dous en Etiopía. Os proxectos desenvolvidos son sempre integrais, o que quere dicir que abranguen todos os aspectos da vida das persoas: educación, sanidade, dereitos dos cidadáns, atención aos discapacitados, tempo de lecer, etc. Estes proxectos organizan e forman á comunidade para que sexa autosuficiente na xestión dos seus recursos e dos seus dereitos e teñen como piar fundamental o asociacionismo e a formación de grupos de traballo e aforro.
Coa mostra, que se poderá visitar ata o 23 de decembro, búscase unha maior implicación da cidadanía na resolución da pobreza.