Pasar al contenido principal

A Facultade de Física disporá a finais de mes dunha instalación de enerxía solar para a produción de electricidade

A Facultade de Física da USC contará a finais de decembro cunha instalación de enerxía solar fotovoltaica destinada á produción de electricidade para autoabastecemento e tamén para a venda á rede eléctrica así como para producir sombreado na cara sur-leste do centro. Segundo as primeiras estimacións agárdase que a produción de electricidade sexa de 13.500 Kwh anuais durante os primeiros anos, o que suporía aproximadamente 1.350 horas equivalentes. A venda á empresa distribuidora, Fenosa, podería iniciarse no primeiro trimestre de 2009.
Esta instalación é unha iniciativa do Decanato do centro, no marco dun convenio co Instituto Enerxético de Galicia, co que tamén se pretende reducir as altas temperaturas que soportan as dependencias do centro no Bloque III durante o verán ao tempo que se aproveita a intervención para producir enerxía de orixe renovable.
En total instalaranse 64 paneis fotovoltaicos tipo Suntech 175 W con 25 anos de garantías, distribuídos uniformemente entre a primeira e a segunda planta do bloque. A súa colocación reportará ademais unha liña de sombra de máis de 30 metros de longo para as dúas plantas. O conxunto complétase cun inversor de marca Ingeteam de potencia total de 10Kw nominais.
A obra de instalación, que se desenvolverá entre os días 3 e 30 de decembro, licitouse durante o mes de novembro mediante un procedemento no que a adxudicataria foi Isempa e ao que tamén se presentaron SARPEL e Radio Récord.
Redución de emisiónsXunto á posibilidade de autoabastecerse de enerxía eléctrica, establecer unha liña de sombra no edificio ou mesmo vender parte da produción, esta obra posúe un importante valor medioambiental. A redución de emisións estimada é de aproximadamente 5.000 quilos de CO2, 9 quilos de NOx e outros 13,3 de SO2. Dado que a vida útil agardada destes paneis é de 30 anos, ao longo deste tempo deixaranse de emitir á atmosfera 150 toneladas de CO2, 270 quilos de NOx e outro 500 de SO2.
A iniciativa forma parte do compromiso da USC a prol da redución de emisións de gases de efecto invernadoiro mediante o aforro do consumo de enerxía. Neste contexto, ao longo de 2008 a Vicerreitoría de Infraestruturas xa realizou outras actuacións como a colocación dun alumeado intelixente para as plantas baixa, primeira e segunda da residencia Monte da Condesa; a instalación dun toldo persiana na Piscina Universitaria e de paneis para sombreado na Escola Técnica Superior de Enxeñería ou o cambio da caldeira no edificio da Reitoría, todas elas subvencionadas por parte do Instituto Enerxético de Galicia. Para o ano 2009 están previstas outras actuacións, entre as que destacan os esforzos para a redución do consumo de enerxía na Facultade de Dereito e para o que se asinará un convenio coa Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellaría de Medio Ambiente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2008.