Pasar al contenido principal

O director da Escola de Práctica Xurídica da USC, Lotario Vilaboy, galardoado coa Insignia de Ouro do Colexio de Avogados de Santiago

A Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Santiago decidiu concederlle por unanimidade a Insignia de Ouro deste Colexio ao director da Escola de Práctica Xurídica da USC (EPX), o profesor Lotario Vilaboy Lois, en recoñecemento ao “compromiso e bo facer” ao fronte da escola, “un referente no ámbito nacional do que debe ser a formación dun avogado”. A entrega desta distinción realizarase no transcurso da festividade de San Raimundo de Peñafort, patrón da Facultade de Dereito, o 23 de xaneiro.
A concesión, manifestou o Colexio profesional, “é con toda seguridade o reflexo do sentir da avogacía compostelá e dos moitos alumnos que pasaron polas aulas da Escola universitaria”. Neste mesmo senso a Xunta de Goberno colexial “está convencida de que ante os retos que a Avogacía ten, en relación á inminente entrada en vigor da lei de acceso á profesión, poderemos seguir contando coa profesionalidade de Lotario Vilaboy”.
O Colexio de Avogados quere tamén destacar deste xeito o importante labor da EPX “formando centos de avogados ao longo de máis de vinte anos” cunha oferta formativa “especialmente completa, que abarca todas as áreas, dende o coñecemento do Dereito ata a formación en deontoloxía, fundamental nesta profesión”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.12.2008.