Pasar al contenido principal

Educación e as Universidades galegas colaboran no desenvolvemento de infraestruturas científico-tecnolóxicas e na intensificación da actividade investigadora

A conselleira de Educación e os reitores das universidades galegas asinaron tres convenios en materia de investigación, que supoñen un investimento duns 19 millóns de euros

Os tres reitores galegos e a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria asinaron este mércores tres convenios en materia de investigación que supoñen un investimento duns 19 millóns de euros en 2008 e que inciden no desenvolvemento de infraestruturas científico-tecnolóxicas e servizos de apoio á investigación, e na promoción da actividade investigadora.
O convenio de colaboración para o desenvolvemento de infraestruturas científico-tecnolóxicas de apoio á investigación, que conta cun investimento de 16,2 millóns de euros, persegue promover e avanzar na dotación e mantemento da oferta integrada de servizos científico-tecnolóxicos, investindo na actualización e renovación das infraestruturas necesarias para a prestación competitiva destes servizos e, ao tempo, incentivar unha xestión eficiente e coordinada dos mesmos no contexto do Sistema Universitario de Galicia.
Entre outras infraestruturas e equipamentos, con esta acción financiaranse na USC, entre outros, o equipamento dos novos laboratorios de Radiofísica e Física de Altas Enerxías e dos laboratorios de Investigación no novo Centro de Investigación en Bioloxía.
Servizos xeraisSánchez Piñón e os reitores asinaron así mesmo un convenio de colaboración para o desenvolvemento dos servizos xerais de apoio á investigación, é dicir, as unidades responsables da xestión e uso de infraestruturas científico-técnico instrumentais e instalacións de uso común que contribúen a mellorar as prestacións e rendibilidades dos grandes equipamentos e infraestruturas de investigación, e os servizos centrais de apoio á xestión e promoción da investigación.
O convenio, que conta cunha dotación de 1.450.000 euros, persegue dous obxectivos xerais. Por unha banda, promover unha xestión eficiente e sostible na dotación e mantemento das infraestruturas e servizos científico-tecnolóxicos de cada universidade do SUG e, por outra, propiciar a coordinación das actuacións das tres universidades neste ámbito, optimizando o gasto e a xestión das infraestruturas, mediante o desenvolvemento dunha oferta de servizos integrada, investindo nas infraestruturas necesarias desde unha perspectiva de sistema, asegurando a súa dotación con persoal cualificado.
Intensificación da actividade investigadoraO terceiro dos convenios asinados céntrase na promoción da actividade investigadora, co obxectivo de incentivar a actividade de investigación e aproveitar ao máximo a capacidade dos investigadores. A Administración educativa galega achega un total de 1.450.000 euros para esta acción.
Deste xeito, dando continuidade ás medidas iniciadas a través do programa I3, na modalidade de Intensificación, incentívase ás universidades no establecemento dos mecanismos necesarios para facilitar aos profesores-investigadores con actividade científica e tecnolóxica relevante a intensificación da súa dedicación a actividades de investigación dentro da mesma universidade ou en centros de I+D.
Ademais, o convenio establece como obxectivo estratéxico contribuír á incorporación de novo persoal docente con perfil marcadamente investigador e á estabilización de persoal posdoutoral; así como promover a avaliación e recoñecemento polas universidades do Sistema Universitario de Galicia da actividade investigadora do Persoal Docente Investigador (PDI) nos Planos de Organización Docente (POD).
Estes obxectivos tradúcense na selección competitiva por parte das universidades dos investigadores que intensifican a súa actividade investigadora atendendo a indicadores de produción e competencia científica, así como aos obxectivos da actividade investigadora. Para facer efectiva esta acción, será necesario que as universidades recoñezan expresamente no seu Plan de Ordenación Docente anual a dedicación á actividade investigadora do seu persoal, establecendo criterios que permitan cuantificar a dedicación a esta actividade, así como determinar a liberación docente e a súa substitución no curso académico 2008-2009.
Nos dous últimos anos, un total de 170 investigadores estiveron realizando labores de investigación nas tres universidades galegas dentro dos programas de investigación Parga Pondal e Ramón y Cajal. Deste total, 121 continúan a súa formación como bolseiros, e 49 xa están estabilizados no sistema. Así, cada ano estabilízanse ao redor de 20 bolseiros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.12.2008.