Pasar al contenido principal

O Premio Nobel de Química en 2001, Karl Barry Sharpless, en Compostela da man do Programa ConCiencia

Impartirá este xoves a conferencia 'Como encontrar algo novo'

O Premio Nobel de Química en 2001, Karl Barry Sharpless, atópase estes días en Santiago convidado polo Programa ConCiencia que organiza a USC en colaboración co Consorcio da cidade e a Fundación Caixa Galicia. Sharpless colle así o relevo do Nobel en Física Gerardus 't Hooft que estivo tamén en Compostela esta semana.
Os detalles da súa visita a Santiago explicaraos o propio Sharpless nunha rolda de prensa a celebrar este xoves, día 18, ás 12:00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca, acompañado do director do Programa ConCiencia e profesor da USC, Jorge Mira, e do catedrático de Química Orgánica da USC, Luis Castedo.
Karl Barry Sharpless foi premiado co Nobel polo seu traballo en reaccións de oxidación quiralmente catalizadas, claves para o desenvolvemento de procesos de preparación industrial de fármacos, perfumes ou outros produtos, de xeito eficiente e menos contaminante.
Previamente á rolda de prensa, o Nobel visitará ás 11:00 horas a Facultade de Química, onde será recibido polo decano e asinará no Libro de Honra do centro. Xa ás 18:00 horas recibirao o reitor Senén Barro no seu despacho reitoral, onde deixará a súa impronta no Libro de Sinaturas da USC. Por último, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural de Caixa Galicia (Carreira do Conde) impartirá unha conferencia aberta ao público en xeral -e retransmitida por videoconferencia ao Campus de Lugo- titulada ‘Como encontrar algo novo’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.12.2008.