A USC participa no Encontro Transnacional da Empresa da Eurorrexión

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, asistiu este xoves á inauguración oficial do I Encontro Transnacional de Empresa da Eurorrexión, que se celebrou no Salón de Actos do Cei-Nodus, presidido pola concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez.
Este encontro enmárcase dentro do Proxecto Parque, co que se pretende levar a cabo unha modernización dos polígonos empresariais socios do proxecto, dos que o Concello de Lugo é o xefe de fila. A USC figura, ademais de varias institucións, entre os socios lugueses.
A concelleira explicou que “este encontro sirve como colofón ás actuacións levadas a cabo por todos os socios e como un foro no que intercambiar as experiencias persoais dos empresarios de Galicia e do Norte de Portugal así como dos xerentes dos parques”.
A falta dun mes para pechar o proxecto, en Lugo todas as actuacións están xa en marcha, entre as que figura a implantación dun sistema de videovixilancia con 30 videocámaras, 15 de visión xeral e outras 15 de lectura de matrículas que estarán conectadas cun posto de control instalado na sede da Policía Local.
Estase a aumentar tamén a información nas marquesinas e puntos sinalados, polo que só precisan a súa conexión eléctrica, que se fará a través da rede wimax, que estará rematada a finais deste mes de xullo.
A mellora da sinalización, a instalación da rede Wimax e a posta en marcha da rede Telépole son outros dos puntos nos que se está a piques de rematar.
Ademais, ao amparo deste proxecto deseñouse un catálogo de accións formativas que se realizaron nos meses de outubro e novembro, na sede da Asociación de Empresarios de O Ceao e no Centro de Empresas e Innovación. Impartíronse un total de 13 conferencias dirixidas a directivos e xerentes de empresas e catro talleres nos que se desenvolveron aplicacións concretas para as empresas participantes.
Os participantes na xornada asistiron ao relatorio ‘Vantaxes competitivas derivadas da innovación e cooperación’, impartida por José María Vela, director do Centro de Innovación de EOI. Ademais, realizouse unha proxección do documental sobre as actuacións levadas a cabo por cada un dos socios.