Pasar al contenido principal

Inaugurada unha nova edición dos cursos de Lingua e cultura galegas para estranxeiros e para españois de fóra de Galicia

De dereita a esquerda, Francisco Fernández Rei, Marisol López, Lourenzo Fernández, Manuel González e Rosario Álvarez
De dereita a esquerda, Francisco Fernández Rei, Marisol López, Lourenzo Fernández, Manuel González e Rosario Álvarez
Neste ocasión participan cen alumnos de vinte e cinco países de todo o mundo

Os cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e para Españois de fóra de Galicia iniciaron este venres 4 unha nova edición coa participación de cen estudantes de vinte e cinco países de todo o mundo.
A inauguración oficial celebrouse no Salón de Actos da Facultade de Filosofía nun acto no que estiveron presentes o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto; a secretaria xeral de Política Lingüística, Mª Sol López; o secretario da Real Academia da Lingua, Manuel González; o director dos cursos, Francisco Fernández Rei; e a directora do Instituto da Lingua Galega da USC, Rosario Álvarez.
Esta é a vinte e unha edición dos cursos polos que xa pasaron máis de 2.000 alumnos de moi diversos países de todo o mundo. Nesta edición procederán de Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Croacia, Cuba, España, Estados Unidos, Estonia, Finlandia, Grecia, India, Irlanda, Italia, Hungría, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Romanía, Rusia, Serbia, Suíza, Ucraína e Xapón.
Nesta nova andaina, na que se estrea como director o catedrático de Filoloxía Románica da USC e membro da RAG Francisco Fernández, preténdese seguir o ronsel que deixaron os cursos nos pasados anos e traballar coa mesma dedicación e entrega na difusión da lingua e cultura galega fóra das súas fronteiras naturais. Os cursos están organizados pola Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega da USC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
O fin primordial do curso será dar aos estudantes a oportunidade de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia. Así, ademais das clases teóricas e prácticas de lingua galega, están programadas leccións sobre a literatura, historia, xeografía ou arte de Galicia, así como excursións e visitas a lugares de principal interese cultural e paisaxístico.
O curso contempla distintos niveis, un elemental de iniciación á lingua galega, para estudantes que desexen introducirse no seu coñecemento; outro medio, destinado a estudantes que xa cursaron o elemental ou que posúan un coñecemento básico do idioma; e finalmente un curso superior de Filoloxía Galega.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.07.2008.