Máis de 300 expertos de catro continentes reúnense no VIII Congreso da Asociación Internacional Siglo de Oro

Máis de 300 congresistas de catro continentes participan no VIII Congreso da Asociación Internacional Siglo de Oro (AISO) ‘Compostella Aurea’, que organizan conxuntamente a USC e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (CEEC), adscrita ao Ministerio de Cultura. O encontro, que se desenvolverá na Facultade de Filoloxía dende este luns 7 ao venres 11, conta coa colaboración do Ministerio de Educación y Ciencia, a Xunta de Galicia e o Consorcio de Santiago de Compostela.
Ao acto oficial de apertura asistiron o reitor da USC, Senén Barro; a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; o vicerreitor de Cultura; Elias Torres; o presidente da Asociación Internacional Siglo de Oro (AISO), Anthony Close; e o profesor da USC, Santiago Fernández Mosquera.
Con este curso lémbranse personalidades tan relevantes como Quevedo ou Lope de Vega, apuntou na inauguración Sánchez Piñón quen subliñou “a importancia da USC no estudo do Século de Ouro”. Ademais, referiuse á investigación e ao traballo das industrias creativas afirmando que as Humanidades están “no núcleo do que representa a Unión Europea”.
Sobre o eido científico falou de novo Senén Barro resaltando o traballo de grupos de investigación da Universidade de Santiago como o de Quevedo ou Calderón de la Barca, actualmente “de referencia internacional”. Asemade, o reitor aludiu á exposición que, con motivo do congreso, recolle “verdadeiros tesouros bibliográficos dos séculos XVI e XVII pertencentes ao patrimonio da USC”.
Pola súa banda, Mosquera e Anthony Close falaron da numerosa participación. O presidente da AISO fixo fincapé en que “supera maioritariamente ás edicións anteriores” organizadas cada tres anos e pediu aos congresistas puntualidade na asistencia e nas intervencións, “non alongando o tempo do que dispoñen”.
Primeira conferenciaLogo do acto, o profesor Ignacio Arellano, da Universidade de Navarra, pronunciou a primeira conferencia plenaria titulada ‘Poder, autoridade e desautorización no teatro de Calderón’.
O congreso continúa pola tarde na Facultade de Filoloxía con diversas sesións paralelas sobre poesía, teatro, prosa e autores coñecidos e non tan coñecidos para rematar, ás 17:45 horas, coa presentación de proxectos e novidades bibliográficas, nesta ocasión a cargo de María Luisa Lobato, da Universidade de Burgos, e de Jesús Maestro, de Vigo. Finalmente celebrarase no Salón de Actos do centro a asemblea xeral da AISO.
Xornada do martesA xornada do martes 8 abrirá ás 9:00 horas con conferencias sobre La comedia el caballero de Agustín Moreto, a natureza en El Quijote, as Diez novelas de Pedro de Salazar, citas sagradas e profanas en Las cuatro fantasmas de la vida de Quevedo, o narrador épico, a ostentacion na novela cortesá, as adaptacións barrocas de Las lamentaciones de Jeremías, a Suma de arte de poesía de Eugenio Salazar ou a transformación urbana da xudería.
Como actos centrais, o profesor Geoffrey Parker, da Universidade Estatal de Ohio, pronunciará ás 10:15 horas no Salón de Actos a conferencia plenaria ‘Clima e catástrofe: unha reconsideración da crise xeral do século XVII’. A continuación, terá lugar no Salón de Graos, ás 11:15 horas, a presentación dun número extraordinario sobre o Século de Ouro da revista ‘Ínsula’.
Outros temas a tratar serán, entre outros moitos, a imaxe da virxe María na primeira metade do Quijote, mecanismos de burla e ironía crítica na construción da comicidade da comedia áurea, o canon do Século de Ouro baixo o signo de Góngora ou as poesías de San Juan de la Cruz.
Participarán expertos internacionais das Universidades de Teherán, Texas, São Paulo, Memphis, Delhi, Duke, México, Santa Cruz de California, Pennsylvania ou Lumière Lyon. Tamén asisten investigadores das Universidades españolas de Vigo, Burgos, Huelva, Oviedo, Navarra, Salamanca, Complutense de Madrid, Barcelona, CEU San Pablo, Málaga ou Valencia.