A USC organiza a primeira edición do curso de formación de guías en patrimonio universitario
A Universidade de Santiago de Compostela organiza o primeiro ‘Curso de formación de guías en patrimonio universitario’, enmarcado no programa de ampliación e achegamento da cultura universitaria a través da posta en valor do patrimonio científico, técnico, cultural, histórico-artístico e paisaxístico da propia Universidade que promove a Vicerreitoría de Cultura.
O obxectivo principal do curso é fornecer un coñecemento máis amplo e profundo do patrimonio universitario, concienciar da posición estratéxica que a universidade debe aproveitar dentro das políticas culturais e turísticas da cidade e de Galiza e formar a técnicos/as, estudantes e investigadores/as da USC como guías de patrimonio universitario.
No programa, que contará cunhas xornadas teóricas que se desenvolverán os días 7 e 8 de xuño no Paraninfo da USC, participarán especialistas no campo da cultura, o turismo e a xestión. Entre o profesorado figuran o vicerreitor de Cultura da USC, Elias Torres Feijó; o director xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Rubén Lois González; o xerente de Turismo de Santiago, Iñaqui Gaztelumendi; a directora da Oficina de Congresos Unixest, Lanzada Calatayud; o director do Observatorio Astronómico "Ramón María Aller", José Ángel Docobo; a directora do Museo de Historia Natural "Luís Iglesias", Mª Isabel Fraga Vila; o arquitecto da USC, Fernando Tabernero; o director da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro; e o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro.
O curso contará tamén cunhas prácticas nas visitas guiadas ao patrimonio histórico da Universidade a través do Programa Universidade Viva e que consistirán na participación de estudantes con grupos reais de visitantes. As prácticas serán levadas a cabo pola Sociedade Xestora de Intereses da USC, Unixest SL.
O curso vai dirixido a licenciados/as da USC. Poden solicitar a súa participación presentando o currículo na Vicerreitoría de Cultura e cumprimentando unha solicitude de admisión ata as 14:00 horas do vindeiro 5 de xuño.