O Claustro da USC aproba as Liñas Xerais da Programación Plurianual para o período 2007-2010
O Claustro da Universidade de Santiago aprobou na súa xuntanza deste xoves as Liñas Xerais da Programación Plurianual para o período 2007-2010 con 103 votos a favor e 12 en branco. Estas liñas contaron co apoio dos principais grupos de profesores e de PAS que representan aos seus respectivos colectivos no Claustro. Na quenda de explicación de voto, os intervintes coincidiron en subliñar o clima de consenso e receptividade manifestado polo Consello de Dirección na aceptación das emendas presentadas, das que do total de 64 se incorporaron ao texto 29, 25 foron transaccionadas, 4 retiradas e 6 rexeitadas.
As liñas xerais da Programación Plurianual supoñen un documento guía de goberno para o Consello de Dirección da Universidade para os vindeiros catro anos. Nesta ocasión, o documento estrutúrase en oito apartados referidos a Espazo Europeo de Educación Superior: oferta e organización docentes; Investigación, desenvolvemento e innovación; Recursos humanos: PDI e PAS; Universidade das persoas: servizos; Presenza social da USC; Desenvolvemento dos Campus e das súas infraestruturas; Calidade e planificación; e Economía e financiamento.
Eixes estratéxicos
No seu conxunto estes apartados vertébranse á súa vez arredor de tres eixes estratéxicos como son a docencia, a investigación e o emprendemento. No primeiro caso, a construción do Espazo Europeo de Educación Superior suporá para as universidades un conxunto de transformacións vertixinosas nos vindeiros anos. Segundo o documento debatido, este proceso “vai redefinirnos como institución de educación superior e marcará a nosa personalidade docente por moito tempo”.
Este contexto de cambio “debe ser, sobre todo, unha aposta pola calidade docente, por unha maior atención ás demandas de formación que fai o conxunto da sociedade e por unha mudanza de paradigma no proceso de ensino–aprendizaxe que orbitará arredor do discente”. As liñas xerais apuntan tamén que o desenvolvemento da docencia adecuada aos créditos ECTS implica unha nova cultura e organización da docencia e da aprendizaxe, que esixe de recursos humanos e materiais que deben ter o seu reflexo no novo plano de financiamento.
No apartado relativo á investigación, a USC aspira a ocupar un lugar destacado dentro do denominado Espazo Europeo de Investigación. Para elo será preciso redeseñar estruturas e procesos de xestión e de apoio á investigación e introducir unha avaliación rigorosa e discriminante das unidades de investigación para “adaptármonos ás demandas internas e externas que son cada vez máis comúns na investigación de punta”.
As liñas xerais da Programación Plurianual destacan que esta aspiración require unha política de investigación máis comprometida coa investigación, mellorando infraestruturas de apoio e apostando por unha rede de centros propios e mixtos en ámbitos estratéxicos, facilitando as sinerxías que producen os enfoques inter e multidisciplinares e a consecución da masa crítica necesaria para conseguir unha importante proxección nacional e internacional.
Respecto do terceiro eixo, o documento analizado polo Claustro pon de manifesto o liderado que a USC mantén como axente de emprendemento socioeconómico fundamentalmente no seu contorno máis próximo e íntimo. Segundo as liñas debatidas “a USC están avanzando con paso firme neste camiño, xa somos un referente estatal nesta nova misión e debemos aspirar a selo tamén no ámbito internacional, co empeño de practicar un ‘emprendemento responsable’, o que significa apostar decididamente por un maior rendemento integral: económico, social e ambiental”.
En conxunto, e co obxecto de acadar os seus fins, a USC considera necesario desenvolver harmonicamente os dous campus universitarios; que se definan políticas de persoal acordes aos fins perseguidos; facer as contribucións metodolóxicas e tecnolóxicas necesarias; apostar pola calidade na administración e nos servizos; camiñar cara a unha universidade máis internacionalizada e con maior proxección exterior; e ser unha Universidade preocupada por conservar as súas raíces e o seu patrimonio, e comprometida coa súa posta en valor.