A USC comeza as experiencias dun proxecto pioneiro de formación on line interactiva en tecnoloxías da información dirixido á comunidade universitaria
A Universidade de Santiago está a desenvolver un proxecto polo que os membros da comunidade universitaria poderán formarse a distancia en materias básicas de tecnoloxías da información e ofimática. Trátase da primeira universidade española que utiliza este novo sistema, baseado na plataforma Training Channel, para o que a USC ten os acordos correspondentes con Vettera Training.
O proxecto, que complementa a formación presencial, suma as vantaxes do tradicionalmente denominado e-learning asíncrono, sistema polo que se accede a clases previamente gravadas en formato multimedia, coa participación on-line na propia formación. Trátase por tanto do primeiro canal interactivo de formación en directo que utiliza aplicacións estándares do mercado, integrando as potencialidades da videoconferencia con avanzados servizos virtuais e ferramentas para compartir ordenadores, escritorios e aplicacións de forma remota.
Os asistentes poden asistir dende o seu navegador web, para o que unicamente precisa ter conexión a internet, a aqueles cursos do seu interese, interactuando cos profesores e co resto de alumnos. A interactividade é polo tanto unha característica básica, xa que o usuario pode estar en contacto co resto de participantes e mesmo compartir máquinas e aplicacións, facendo que a dispersión xeográfica dos participantes non sexa un inconveniente senón un elemento enriquecedor.
Como valor engadido, o sistema permite ademais o acceso aos cursos emitidos con anterioridade, ben como repaso ou complemento de temas tratados ou ben naqueles casos nos que o usuario non puidera asistir á sesión en directo.
A USC desenvolverá unha proba propia de avaliación que acredite os coñecementos acadados polo alumnados dos distintos cursos. Independentemente, os cursos de ofimática ofrecidos baséanse no Syllabus 4 da certificación europea ECDL/ICDL polo que é posible acreditarse tamén con esta certificación profesional.
Primeiros cursos: ofimática básicaOs primeiros cursos que agora comezan céntranse nas ferramentas ofimáticas básicas, tanto en contorno Windows como Linux. Os contidos coñécense con tres meses de antelación e son impartidos por instrutores certificados de alto nivel acreditados en cada un dos produtos. Dende a Vicerreitoría de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior puxéronse en marcha esta mesma semana cursos, tanto para o profesorado como para o estudantado, que servirán como proxecto piloto para unha máis ampla oferta e difusión. Ademais, a ferramenta está a ser utilizada por técnicos especializados da Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da USC e por algúns departamentos para a formación de carácter tecnolóxico en ferramentas e linguaxes de programación.
A USC xa participara ao longo do pasado ano 2006 nas primeiras probas nacionais do sistema, xunto a institucións (IGAPE, o Hospital Juan Canalejo, o Instituto Galego de Estatística, a Universidade Autónoma de Barcelona) e empresas de varios sectores produtivos como Caser, Grupo Pérez Rumbao, Ferroplast ou o Grupo Cuevas, entre outros.