Pasar al contenido principal

O Consello de Goberno da USC aproba os orzamentos da institución académica para 2008

O Consello de Goberno da USC aprobou na súa xuntanza de hoxe o orzamento da institución académica para o vindeiro ano 2008, que ascende a 237,8 millóns de euros, o que supón un incremento respecto á previsión inicial do presente exercicio do 13,9 por cento. Este destacado incremento ten a súa orixe principalmente na evolución dos recursos ligados á investigación, da inclusión dos diferentes contratos-programas que financian actividades desenvolvidas pola USC mediante achegas de entidades públicas e privadas e dos recursos derivados do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego (SUG), cuxas partidas medran un 8,1 por cento respecto ao anterior ano.
Estes orzamentos están condicionados no fundamental polo actual marco de financiamento do SUG e os recursos que este achega á USC no exercicio 2008, poñendo en relación as dispoñibilidades financeiras cos obxectivos orzamentarios formulados ao abeiro da Planificación Plurianual 2007-2010 aprobada polo mesmo órgano colexiado.
Os responsables universitarios cualifican de “documento contido” os orzamentos para 2008, concretando os esforzos sobre todo na consolidación e mellora do persoal, en correlación cos grandes retos en materia de EEES, Calidade, Investigación, Infraestruturas e Internacionalización. Neste senso, as dispoñibilidades financeiras previstas para o vindeiro ano oriéntanse principalmente cara ao persoal, “a principal das apostas para 2008 e a quen se dedica a meirande parte dos recursos financeiros dispoñibles unha vez cubertas as derivas obrigatorias”, sinalan; pero tamén a docencia e a investigación seguen a acaparar cantidades importantes das dispoñibilidades orzamentarias, destacando aqueles recursos que son xestionados de forma descentralizada.
Liñas xerais para o deseño das novas titulacións oficiaisO Consello de Goberno aprobou tamén as Liñas xerais da USC para a elaboración dos novas titulacións oficiais, que recollen os criterios polos que deberán rexerse as propostas. Establécese ademais que as actuais titulacións como moi tarde iniciarán a súa extinción no curso 2010-2011.
Para a obtención do título de grao –cuxas titulacións deberán adscribirse a unha das cinco ramas do coñecemento Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura- os planos de estudo constarán de 240 créditos ECTS. En función dos créditos optativos que deba cursar o estudante, a oferta máxima non superará os 276 créditos, cunha estimación equiparable do crédito na USC a 25 horas de traballo do alumno.
Calendario AcadémicoNa xuntanza aprobouse ademais o calendario académico para o vindeiro curso, cuxo período lectivo comprenderá do 1 de outubro de 2008 ao 30 de setembro de 2009. Para os planos de estudo estruturados en créditos, o primeiro cuadrimestre estenderase ata o 27 de xaneiro mentres que o segundo será entre o 25 de febreiro e o 10 de xuño de 2009. As probas de avaliación do primeiro cuadrimestre serán do 29 de xaneiro ao 20 de febreiro e o segundo entre o 11 de xuño e o 3 de xullo. Nos demais planos a actividade académica rematará o 29 de maio, sendo a convocatoria ordinaria de probas de avaliación entre o 1 de xuño e o 3 de xullo.
As actividades académicas docentes da USC interromperanse desde o 22 de decembro de 2008 ata o 7 de xaneiro de 2009, os días 23 e 24 de febreiro de 2009 e desde o 6 ao 12 de abril do mesmo ano.
Axudas para investigación 2008Na mesma reunión aprobouse a convocatoria de axudas para investigación de 2008 que contempla subvencións a viaxes de investigación, visitas de investigadores, bolsas de premios estatais, para programa de contratos predoutorais e axudas abertas.
Outros asuntosNa reunión tratáronse tamén os complementos retributivos autonómicos, a convocatoria de bolsas predoutorais destinadas a estudantes iberoamericanos, a estratexia da USC para a realización de convenios con universidades estranxeiras e a modificación de Programas Oficiais de Posgrao.
Completaron a relación de asuntos a tratar os relativos a cambio de dedicación do PDI e de localidade, a integración no corpo de titulares de universidade, a proposta de inclusión de liñas de investigación e profesores nos programas de doutoramento implantados conforme o RD 56/2005, a proposta de dirección do Departamento de Estatística e Investigación Operativa, o regulamento de réxime interno do Departamento de Enfermaría e diversos convenios.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.12.2007.