Pasar al contenido principal

A USC, a institución que máis recadou entre todas as participantes na Olimpíada Solidaria de Estudo

A Universidade de Santiago de Compostela foi a que máis diñeiro recadou na V Olimpíada Solidaria de Estudo entre o total de participantes neste proxecto solidario que na presente edición se desenvolveu, ademais de en España, en Bélxica, Italia, Costa de Marfil e Burundi. Segundo os datos ofrecidos esta semana polos organizadores, na USC computáronse 20.376 das 188.627 horas conseguidas polos 14.437 estudantes.
A iniciativa, que transcorreu entre o 5 de novembro e o 5 de decembro, consiste en incentivar o estudo vinculando as súas horas de esforzo á colaboración con proxectos de desenvolvemento. Neste caso, o diñeiro acadado destinarase a financiar un proxecto de capacitación profesional das mulleres maias do Altiplano, en Guatemala; ao equipamento de talleres técnicos das catro escolas ‘Mains Ouvertes’ de Haití; á construción da escola infantil ‘Minzoto’ para nenos e nenas da poboación de Kinshasa (O Congo); e a equipar e capacitar o colexio Nosa señora do Pilar en Xerusalén, onde ademais se construirá un centro cultural.
A Olimpíada estivo organizada na USC polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social en colaboración coas ONGs Fundación Coopera e Cooperación Internacional.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.12.2007.