Pasar al contenido principal

A Dirección General de Instituciones Penitenciarias premia á USC polo seu Programa Galicia de Reeducación para Maltratadores de Xénero

Pioneira na materia, a iniciativa púxoa en marcha a Unidade de Psicoloxía Forense da USC en 2005

A Dirección General de Instituciones Penitenciarias do Ministerio de Interior concedeulle ao ‘Programa Galicia de Reeducación para Maltratadores de Xénero’ da Unidade de Psicoloxía Forense da Facultade de Psicoloxía da USC a Medalla de Prata ao Mérito Social Penitenciario.
A cerimonia de entrega tivo lugar este luns no Salón de Columnas do Círculo de Bellas Artes de Madrid e a ela asistiu en representación do equipo premiado o director do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC, Miguel Ángel Alcaraz.
Tras a entrada en vigor das novas Penas e Medidas de Seguridade que dan contido ao Sistema Penal Alternativo, a Facultade compostelá de Psicoloxía puxo en marcha en 2005 un Programa de Intervención pioneiro na materia, dirixido polo profesor Ramón Arce Fernández, do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC, e a profesora Francisca Fariña, do Departamento de AIPSE da Universidade de Vigo.
Na concesión do premio, a proposta da Subdirección General de Medio Abierto y Medidas Alternativas, destácase a atención especializada das persoas condenadas por delitos relacionados coa violencia de xénero “procurando en todo caso evitar a súa reincidencia delitiva a través da reeducación psicolóxica”. As autoridades que lle conceden a medalla valoraron a significativa contribución deste programa “a dar sentido e eficacia ás novas esixencias legais respecto á orientación dada ás citadas penas”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.09.2007.