Pasar al contenido principal

O Programa Galicia de Reeducación para Maltratadores de Xénero, Medalla de Prata ao Mérito Social Penitenciario

Pioneiro na materia, foi posto en marcha pola Unidade de Psicoloxía Forense da USC en 2005

A Dirección General de Instituciones Penitenciarias do Ministerio de Interior concedeulle ao ‘Programa Galicia de Reeducación para Maltratadores de Xénero’ da Unidade de Psicoloxía Forense da Facultade de Psicoloxía da USC a Medalla de Prata ao Mérito Social Penitenciario. A cerimonia de entrega terá lugar este luns 24, ás 11:00 horas, no Salón de Columnas do Círculo de Bellas Artes de Madrid.
Tras a entrada en vigor das novas Penas e Medidas de Seguridade que dan contido ao Sistema Penal Alternativo, a Facultade compostelá de Psicoloxía puxo en marcha en 2005 un Programa de Intervención pioneiro na materia, dirixido polo profesor Ramón Arce Fernández, do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC, e a profesora Francisca Fariña, do Departamento de AIPSE da Universidade de Vigo.
Na concesión do premio, a proposta da Subdirección General de Medio Abierto y Medidas Alternativas, destácase a atención especializada das persoas condenadas por delitos relacionados coa violencia de xénero “procurando en todo caso evitar a súa reincidencia delitiva a través da reeducación psicolóxica”. As autoridades que lle conceden a medalla valoraron a significativa contribución deste programa “a dar sentido e eficacia ás novas esixencias legais respecto á orientación dada ás citadas penas”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.09.2007.