Pasar al contenido principal

O profesor da Universidade de Granada Jorge Casillas reflexiona na ETSE sobre técnicas de computación que imitan a natureza

‘Algoritmos bioinspirados: técnicas de computación que imitan a natureza’ é o título da conferencia que o profesor de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Granada, Jorge Casillas, pronunciará este xoves, día 8, na Aula 2 da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago.
Nesta intervención, organizada polo Grupo de Sistemas Intelixentes do Departamento de Electrónica e Computación da USC, revisaranse varios modelos de algoritmos probabilísticos ou estocásticos, cuxo deseño inspírase en diferentes fenómenos da natureza. Deste xeito, Jorge Casillas presentará algoritmos baseados na selección natural de Darwin, no comportamento de colonias de formigas para buscar comida, no voo de bandadas de aves e movemento de bancos de peixes ou no sistema inmunolóxico.
Moitas situacións cotiáns ofrecen opcións diversas para a súa resolución. Na maioría das ocasións, a elección pódese resolver por medio de algoritmos para que entre todas as combinacións posibles atopen a mellor. Neste senso, cando o número de alternativas presenta un crecemento non polinomial a medida que crece o tamaño do problema, os algoritmos determinísticos resultan inviables por ser altamente ineficientes no consumo de recursos de tempo e espazo.
Xorden deste xeito outras propostas, coñecidas como algoritmos probabilísticos ou estocásticos, que si ben non garanten obter a solución óptima, demostran un comportamento satisfactorio na práctica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.03.2007.