Pasar al contenido principal

Investigadoras da Universidade de Santiago reciben unha homenaxe polo seu labor científico

Enmarcado no programa de actividades conmemorativas do Día Internacional da Muller, investigadoras da USC reciben este venres un acto homenaxe organizado polo Concello de Santiago en recoñecemento ás mulleres polo seu papel clave na xeración de coñecemento científico na capital galega. Ao acto asisten o reitor da USC, Senén Barro, e o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo.
Co fin de salientar a maior presenza feminina en postos de relevancia en todos os eidos profesionais, o acto busca subliñar a importante labor científica da catedrática de Farmacoloxía da USC, María Isabel Cadavid; a xefa do Servizo de Oftalmoloxía do CHUS e catedrática de Oftalmoloxía, Carmela Capeáns; a directora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia e doutora en Farmacia, María Tarsy Carballas; a profesora titular da Facultade de Medicina da USC, María Graña; e a catedrática de Medicina Legal e Forense do mesmo centro, María Victoria Lareu.
Tamén se destaca o labor da profesora do Departamento de Matemática Aplicada da universidade compostelá e membro do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, Josefina F. Ling; a catedrática de Física da mesma universidade, María Inmaculada Paz; e a profesora titular de Radioloxía e Medicina Física deste centro, María del Carmen Porto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.03.2007.