Pasar al contenido principal

A USC aumenta ata 300 o número de prazas para a Licenciatura de Medicina

O Consello de Goberno acordou na súa xuntanza deste martes, día 13, aumentar en 25 o número de prazas para a Licenciatura de Medicina pasando así das 275 ás 300 prazas. Do mesmo xeito, a Diplomatura de Enfermaría no Campus de Lugo aumenta a súa oferta ata as 68 prazas.
Segundo o acordo de hoxe, no Campus de Santiago seguen a ser sen límite as titulacións de Relacións Laborais, Economía, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Políticas e da Administración, Dereito, as Filoloxías, Filosofía, Física, Matemáticas, Química, Historia, Historia da Arte e Xeografía. Xa en Lugo, tampouco terán límite Relacións Laborais, Filoloxía Hispánica, Humanidades, Ciencias Empresariais; os segundos ciclos de Administración e Dirección de Empresas, Química, enxeñarías Agrónoma e de Montes e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; e as enxeñarías técnicas en Mecanización e Construcións Rurais, Industrias Agrarias e Alimentarias, Hortofruticultura e Xardinaría, Explotacións Agropecuarias e Forestais, así como a Enxeñaría Técnica en Química Industrial.
Por outra banda, manterán o mesmo número de prazas que este curso as titulacións de Enxeñeiro Químico, Óptica, Traballo Social, todas as titulacións de Ciencias da Educación, Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Farmacia, Odontoloxía, as enxeñarías técnicas en Topografía, en Obras Públicas e en Informática de Sistemas, e a especialidade de Lingua Estranxeira de EXB do Campus de Lugo.
Diminúe o número de prazas en Bioloxía (de 181 a 172), Psicoloxía (de 253 a 240), Veterinaria (de 123 a 117), Enfermaría de Santiago (de 160 a 152), e as especialidades de Mestre en Lugo de Educación Física (de 55 a 52), Educación Primaria (de 65 a 62) e Infantil (de 65 a 62).
POPNesta xuntanza avaliáronse ademais diversos aspectos relativos cos Programas Oficiais de Posgrao (POP). Entre eles, decidiuse que polo menos o 50 por cento dos créditos dos máster de especialización académica ou profesional ou os mixtos deberán ser impartidos por profesorado doutor. O Consello de Goberno decidiu igualmente aprobar os criterios relativos aos POP de 2008-2009 así como o calendario para a aprobación destes programas oficiais para o vindeiro curso, que fixa como data límite para a súa aprobación o 23 de novembro de 2007.
NomeamentosNa xuntanza designouse a Agustín Merino representante do Consello de Goberno no CETUR e á profesora Elena Vázquez Cendón representante no Consello do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX). O Consello trata ademais a elección dos membros nas comisións de Calidade e Planificación Estratéxica, de Doutoramento e de Posgrao Propio, así como os representantes do Consello de Goberno no Consello Social e nas Comisións Delegadas.
Outros asuntosEntre outros puntos da orde do día da xuntanza, o Consello de Goberno trata ademais a creación da Fundación Dieta Atlántica que, con sede no Colexio de San Xerome, terá por obxecto fomentar o estudo, a investigación e a difusión da dieta atlántica para o fomento da saúde e o benestar da poboación.
As axudas a proxectos culturais para a comunidade universitaria e para agrupacións teatrais, os criterios para a concesión de prazas de substitución de profesorado, as retribucións de antigüidade do PAS Funcionario Interino e a Relación de Postos de Traballo do PAS para publicar no DOG, son outros asuntos a tratar nesta xuntanza.
Completan a orde do día o Plano Plurianual de Obras RAM, a participación nas fundacións do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL) e do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, a venda de dúas patentes á Sociedade de Inversores CIFGA, os regulamentos de Réxime Interno dos departamentos de Física da Materia Condensada e de Matemática Aplicada, a modificación de tres posgraos propios, prazas de profesorado, cambios de dedicación e avaliación de méritos docentes, entre outros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.03.2007.