Pasar al contenido principal

O Santiago de Compostela Convention Bureau presentouse á comunidade universitaria

O vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto, e o concelleiro de Turismo de Santiago de Compostela, Francisco Candela Castrillo, presentaron este xoves no CEA o SCCB. Santiago de Compostela Convention Bureau, organismo municipal de promoción de Santiago de Compostela como cidade de congresos e convencións. Na presentación, que contou ademais coa presenza da directora da Oficina de Congresos da Universidade, Lanzada Calatayud, achegáronse á comunidade universitaria os instrumentos institucionais que existen ao servizo da organización de congresos tanto desde a Universidade, coa súa oficina de congresos, coma desde o Concello, co SCCB, Santiago de Compostela Convention Bureau.
A necesidade de optimizar os recursos cos que conta a Universidade, “xeradora da meirande parte dos congresos que se celebran en Santiago”, foi salientada no acto polo vicerreitor, quen avogou tamén por aproveitar as sinerxias creadas polos plans de dinamización municipais no referido ao turismo de congresos e “traballar conxuntamente” para a promoción da cidade e da USC.
Pola súa banda, Francisco Candela, acompañado polo técnico responsable do SCCB, José Mª Bescansa, presentou os servizos e facilidades que desde o Convention Bureau presta aos seus preto de sesenta membros. Desde o apoio a candidaturas e presentacións oficiais de destinos ata folletos e material publicitario e cultural da cidade, asesoramento para buscar financiamento ou organización de excursións e recepcións no Concello.
Tanto o vicerreitor coma o concelleiro consideran fundamental que a comunidade universitaria permaneza informada acerca dos organismos que asesoran e facilitan a organización de reunións e congresos. Deste xeito, argumentaron, todos os eventos que se celebren en Santiago acadarán o mais alto grado de profesionalidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.03.2007.