Pasar al contenido principal

Presentado o libro Crónicas inconformistas, de Isaac Díaz Pardo

VII Premio Roberto Blanco Torres de Xornalismo Literario e de Opinión

O libro Crónicas inconformistas de Isaac Díaz Pardo, VII Premio Roberto Blanco Torres de Xornalismo Literario e de Opinión, presentouse este mércores no Colexio de San Xerome. A publicación outorgóuselle ao intelectual galego polos artigos publicados os luns, entre o verán de 2004 e decembro de 2005, nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia baixo o título ‘Crónicas inconformistas’.
No acto participaron, ademais do propio autor, o reitor da USC, Senén Barro; a alcaldesa de Cuntis, Fatima Monteagudo; o profesor e autor do estudo introdutorio do libro, Xesús Alonso Montero; o vicerreitor de Cutlura da USC, Elias J. Torres Feijó; o coordinador da colección, Victor Fernández Freixanes; e o director Académico do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Antonio Azaustre Galiana.
O profesor Alonso Montero, quen definiu a Díaz Pardo como “un poeta que escribe nos xornais para que algún día Galicia rime con xustiza”, afirmou que o libro que se presentou “honra á bibliografía e ao xornalismo galego”, ofrecéndoselles aos estudantes de Xornalismo con esta colección “unha pluralidade literaria necesaria”. Neste punto coincidiu Díaz Pardo, para quen o premio resulta imprescindible para coñecer os antecedentes da propia historia do xornalismo en Galicia.
Pechou o acto o reitor enxalzando a figura de Isaac Díaz Pardo, “líder transformador da realidade para darlle forma a un proxecto de futuro”. Para Barro, o intelectual galego demostra que é “unha desas persoas” ás que rendéndolles homenaxe “se respectan e mimetizan os valores que el representa”.
O xurado da sétima edición do Premio, que convocan conxuntamente o Concello de Cuntis e a Universidade de Santiago, louvou a traxectoria do autor na práctica e na defensa da cultura galega “promovendo un discurso coherente, áxil e apaixonado que combina os valores da tradición coa decidida aposta pola modernidade”. Do mesmo xeito, subraiouse a “independencia total” e a “absoluta liberdade de criterio” que define os artigos do premiado que é, ademais, “expresión da sociedade civil que participa activamente no discurso colectivo de Galicia, nunca desde unha perspectiva localista, senón universal”.
Xa na tarde de hoxe, ás 17:00 horas, o libro será presentado publicamente nun acto literario que se vai celebrar no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.
Anxos Sumai, gañadora da oitava ediciónA escritora Anxos García Sumai resultou gañadora do Premio na súa oitava edición pola serie de artigos que, co título xenérico ‘Somos perigosamente normais’, foron emitidos como sección semanal no Diario Cultural da Radio Galega en 2006. O xurado, que emitiu o fallo o pasado venres, valorou a calidade literaria e a capacidade de observación e interpretación da realidade que emana dos seus textos, a “intelixente combinación” entre fondo e estilo, a sensibilidade da autora para ler os acontecementos cotiáns “cunha ollada distinta, que sen deixar de ser íntima e moi persoal mantén o espírito crítico diante da noticia”.
No xurado da oitava edición do premio, reunido este venres no Concello pontevedrés, participaron o decano de Ciencias da Comunicación, José Miguel Túñez López; o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo; os catedráticos da USC Roberto Blanco Valdés e Darío Villanueva Prieto; o escritor e profesor da USC Víctor Fernández Freixanes; a alcaldesa do Concello de Cuntis, Fátima Monteagudo; e o concelleiro de Cultura, Turismo, Deporte e Educación de Cuntis, José Manuel García García. Excusaron e delegaron a súa presenza o reitor da USC, Senén Barro; o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández; o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Vega Gómez; e Isaac Díaz Pardo.
IX Edición do Premio Roberto Blanco TorresO 1 de marzo de 2008 é a data límite para presentar candidaturas ao IX Premio de Xornalismo Literario e de Opinión ‘Roberto Blanco Torres’. A el poderán concorrer todos os traballos escritos en lingua galega e publicados en calquera medio de comunicación, en Galicia ou fóra de Galicia, durante 2007.
Dotado con 6.000 euros, o premio inclúe ademais a edición dos textos premiados nun libro cun estudo e presentación a cargo dun profesor da Universidade de Santiago. O xurado estará composto por representantes das entidades convocantes, da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega, o Colexio Profesional de Xornalistas.
Con anterioridade recibiron o Premio ‘Roberto Blanco Torres’ os escritores Alonso Montero, Méndez Ferrín, Borobó, Carlos Casares, Francisco Fernández del Riego e Bieito Iglesias, ademais do citado Díaz Pardo, polas súas colaboracións literarias e de opinión na prensa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.03.2007.