Inaugúrase en Física a exposición de pintura 'Science & Arte: particle physics', de Margarita Cimadevila

A artista coruñesa Margarita Cimadevila inaugura este xoves, día 22, na Facultade de Física a súa exposición Science & Art: Particle physics na que presenta unhasingular colección de obras de arte realizadas pola autora, licenciada en Ciencias Químicas e actualmente directora do IES Urbano Lugrís da Coruña, tras a súa estadía na Escola de Profesores do CERN.
A inauguración da mostra, que estará presidida polo vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres, terá lugar ás 19:00 horas e a ela asistirán tanto estudantes como docentes e persoal do propio centro, ademais do equipo decanal.
As obras, que se exhibiron por vez primeira no propio Laboratorio Europeo para a Física de Partículas do CERN, en Xenebra, teñen a súa orixe na estética que proporcionan as fotografías e diagramas que os físicos empregan para comprender as partículas fundamentais do universo. A mostra forma parte dos actos de celebración do 25 aniversario da Facultade compostelá de Física.
Ciclo de cine ‘Ciencia, sociedade e ficción’Por outra banda, a Facultade de Física organiza o ciclo de cine ‘Ciencia, sociedade e ficción’ que comeza esta semana e no que os participantes poderán asistir a proxeccións cinematográficas comentadas por expertos e participar nos debates sobre os contidos de cada filme.
A actividade comezará este xoves, día 22, coa emisión de ‘2001. Unha odisea no espazo’ que será comentada polo profesor da USC Jorge Mira. A continuación, os filmes proxectados serán ‘A mosca’, ‘Moebius’, ‘Creadores de sombras’, ‘Brazil’, ‘O planeta dos simios’ e ‘Ultimato á terra’.
Miniciclo ‘Ciencia, ética e sociedade’Enmarcado neste ciclo e co fin de analizar as repercusións sociolóxicas e os retos do avanzo científico, os días 16, 17 e 18 de abril celebrarase un miniciclo titulado ‘Ciencia, ética e sociedade’ que correrá a cargo do profesor da USC Luís Miguel Varela. As películas que se emitirán son ‘1984’, ‘Alphaville’ e ‘Gattaca’.