O equipo da USC acadou o primeiro posto do Campionato Galego universitario de Orientación
O equipo da Universidade de Santiago, formado por trece estudantes, seis profesores e unha PAS, acadaron o primeiro posto do Campionato Galego Universitario de Orientación celebrado esta pasada fin de semana no Monte Galiñeiro de Vigo. Durante esta competición, os percorridos foron de distancia media contabilizando 3,5 quilómetros para os homes, con quince puntos de control, e 3,1 para as mulleres, con 12 balizas de paso.
Na clasificación individual feminina, o primeiro posto acadouno a deportista da USC, Maribel Fraga, cun tempo de 41 minutos. Asemade, o terceiro lugar foi para a profesora do Departamento de Química Orgánica da Universidade de Santiago, Concepción González Bello. Na competición masculina, o centro docente compostelá conseguiu o terceiro posto grazas ao esforzo de Manuel Varela Rivera, estudante da Escola Politécnica Superior.