Pasar al contenido principal

O CETUR celebra no CEA a segunda xornada técnica de Estatísticas en Turismo

As xornadas desenvolvéronse na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados
As xornadas desenvolvéronse na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados

O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da USC organiza este mércores a II Xornada Técnica de Estatísticas en Turismo que ten lugar no Centro de Estudos Avanzados. O evento, que conta coa participación de diversas entidades galegas e españolas implicadas na elaboración de información estatística, está patrocinado pola Deputación da Coruña e ten por obxecto debater sobre temas como os problemas de escala nas estatísticas turísticas, os novos produtos ou os retos actuais da información.
A xornada foi inaugurada polo director do CETUR, Xosé Santos Solla, e polo concelleiro de Turismo de Compostela, Francisco Candela Castrillo. Deseguido desenvolveuse o primeiro dos coloquios sobre novos produtos e contidos para logo tratar o problema de escala nas estatísticas. Xa pola tarde desenvolveuse unha mesa sobre a xestión da información tras a que o director do CETUR espuxo as conclusións xunto coas propostas de actuación conxuntas.
Neste encontro participaron representantes do Sistema de Información Turística de Asturias, de Exceltur, de Ordenación do Turismo da Xunta de Galicia, do Instituto Galego de Estadística, de Turgalicia, Turismo de Barcelona, o INE, INCOLSA-Turismo de Santiago, o Observatorio Turístico de Santiago, Canarias, Cataluña, Cantabria e Xaén.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2007.