Pasar al contenido principal

A USC pon en marcha un programa de traballo de participación e interrelación culturais entre a USC e a sociedade

Manuel Jordán, Manuel Bermejo; o vicerreitor, Elias Torres, e Marcial Góndar presentaron o ámbito de traballo da Vicerreitoria de Cultura
Manuel Jordán, Manuel Bermejo; o vicerreitor, Elias Torres, e Marcial Góndar presentaron o ámbito de traballo da Vicerreitoria de Cultura

Dar a coñecer o patrimonio universitario, aumentar a cooperación dos axentes sociais no ámbito da transferencia de cultura e sociedade e contribuír a unha maior información da cidadanía son os tres eixes vertebradores do programa de traballo que a Vicerreitoría de Cultura vai implementar baixo a coordinación de profesores da USC nos dous campus ao longo do presente curso e do próximo 2007-2008.
A iniciativa consta de tres liñas de acción independentes. Por unha banda, a posta en valor do patrimonio histórico-artístico, técnico, científico, cultural e paisaxístico da USC; por outra, tratar de relacionar á universidade e á sociedade, particularmente no cadro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; e, finalmente, fomentar o debate social, económico, político e cultural.
No Campus de Lugo este proxecto estará coordinado polos profesores Ana Isabel García Arias, do Departamento de Economía, Socioloxía e Política Agraria; Bernardo García Cendán, de Socioloxía; Marcelino Maneiro Maneiro, de Química Inorgánica; e Ignacio Ramos Martínez, catedrático do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular. No Campus do Santiago coordinarano os profesores Manuel Bermejo Patiño, catedrático de Química Inorgánica; Marcial Gondar Portasany, catedrático do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social; e Manuel Jordán Rodríguez, de Economía Aplicada.
A iniciativa presentouse este martes no Colexio de Fonseca nun acto que contou coa presenza do vicerreitor de Cultura, Elías Torres; e dos coordinadores do proxecto no Campus de Santiago, Manuel Bermejo Patiño, Marcial Gondar Portasany e Manuel Jordán Rodríguez.
Posta en valor do patrimonio‘As calculadoras: dos abacos aos computadores’; ‘Medicina, o xérmolo do ensino experimental na USC’; ‘Ramón e Cajal vs Parga Pondal’; ‘Ramón María Aller e a Astronomía’; ‘Antonio Casares’; ‘Os séculos escuros da USC’; ‘O Darwinismo na USC’; ‘A música na ciencia’; e ‘Ciencia e arte ou a Arte da ciencia’ son algunhas das propostas expositivas que a USC vai acometer para a posta en valor do seu patrimonio.
Para o desenvolvemento destas mostras, de carácter vivo, interactivo, a Universidade ten previsto editar catálogos, libros e materiais didácticos de apoio, ademais de organizar concertos didácticos e programas itinerantes polas outras dúas Universidades galegas.
Universidade e sociedade no contexto da EurorrexiónPromover sinerxías entre as universidades de Galicia e o Norte de Portugal e as súas respectivas sociedades co obxectivo de potenciar un desenvolvemento harmónico e autocentrado da Eurorrexión é a finalidade da segunda liña de acción do proxecto da Vicerreitoría de Cultura. Esta iniciativa xurde coa vontade de que a cidadanía visualice que a actividade das universidades redunda na mellora da súa calidade de vida. Compre, deste xeito, tomar conciencia de que o futuro da Eurorrexión e, en última instancia, da construción da Europa actual non se xoga só no plano económico senón que este só poderá acadar un desenvolvemento centrado se vai acompañado dunha forte rede social e cultural que senta a necesidade deste proxecto común.
Con esta liña de acción trátase de construír unha rede que englobe a todas as universidades da Eurorrexión e para iso desenvolverase un proxecto piloto no que se implicarán inicialmente as Universidades de Santiago e do Miño. Ademais, e para achegar a perspectiva social, do ámbito da empresa participarán unha selección de seis, tres galegas e tres portuguesas, que visualizarán as distintas amplitudes de mercado; da Administración localseleccionaranse seis concellos dos dous lados da raia; ademais de tres parlamentarios autonómicos galegos e outros tantos políticos portugueses representantes das distintas sensibilidades.
Fomento do debateCo obxecto de estender a cultura desde a Universidade en base ao debate multidisciplinar, a Vicerreitoría de Cultura aposta por unha terceira liña de acción na que se desenvolverán actividades abertas en canto á súa temática, que transcendan do ámbito universitario sen perder a súa capacidade de rigor.
Neste programa están xa planificadas catro propostas diferenciadas. Por unha banda, o ciclo ‘O tamaño importa’ propiciará, con conferencias e mesas redondas, unha reflexión sobre as realidades e os problemas asociados a escala desde unha aproximación multidimensional. Tamén en 2007 se desenvolverá o ciclo de divulgación científica ‘Perspectivas: do micro ao macro’ que presentará dúas miradas distintas sobre unha mesma realidade ou unha aproximación análoga a dúas realidades aparentemente opostas e pertencentes a dimensións distintas. Ata o momento hai xa programados dous Encontros Micro-Macro en Matemáticas -‘O cosmos e o mundo subatómico’ e ‘A matemática que se inventa e a matemática que se aplica’- e o curso ‘Aproximacións Micro-Macro á realidade’ a celebrar no primeiro trimestre do vindeiro ano académico.
Desenvolver en conexión co ensino medio a reflexión e a elaboración de materiais e experiencias en distintos soportes sobre a realidade concreta da relación entre culturas é outro proxecto en cernes dentro desta liña de acción. Nunha primeira fase buscarase a implicación de profesores da Universidade e de Ensino Medio para organizar un curso que, ademais de formar e comprometer monitores, conclúa coa elaboración dun guión sobre os temas relevantes e a elección do soporte en que se desenvolverá a segunda fase, que consistirá nun concurso entre centros de ensino medio que verbalice as conclusións.
Por último, a Vicerreitoría de Cultura quere formular unha reflexión sobre os rumbos que leva a actividade política nunha sociedade de cidadáns, sobre a separación entre representantes e representados, sobre o que significa representación nunha sociedade mediatizada e sobre os comportamentos, excesos e límites na actuación dos políticos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2007.