O XI Congreso Internacional de Proxectos de Enxeñaría debaterá en Lugo sobre ordenación do territorio, desenvolvemento rural e cooperación
O XI Congreso Internacional de Proxectos, que se celebra do 26 ao 28 de setembro na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, acollerá debates sobre a ordenación do territorio, o desenvolvemento rural, o medio ambiente ou os proxectos de cooperación.
Á inauguración oficial do congreso, que se celebrou este mércores, asistiron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o alcalde da cidade, José Clemente López Orozco; a vicepresidenta da Deputación Provincial, Lara Méndez López; o subdirector da Escola Politécnica Superior, Francisco Javier López González; o director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal, Juan Gabriel Álvarez González; o presidente de Asociación Española de Ingeniería de Proyectos (AEIPRO), Eliseo Gómez-Senent Martínez; e o presidente do Comité Organizador, Manuel Fco. Marey Pérez.
O vicerreitor de Coordinación aproveitou a ocasión para destacar a importancia dunha boa formación nos enxeñeiros e agradeceu a AEIPRO a confianza depositada na organización do congreso. Pola súa banda, o profesor Manuel Marey destacou o alto nivel dos traballos presentados o que, na súa opinión demóstrase coas publicacións destas investigacións en pretixiosas revistas do ámbito.
Tras o acto inaugural, a subdelegada xeral de coordinación do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica,María Luisa Delgado Medina, interveu co relatorio de apertura sobre o ‘Novo Plan Nacional de Investigación Científica e desenvolvemento tecnolóxico’.
O traballo no congreso repártese en 4 salas diferentes, unha de plenarios dedicada aos debates sobre as diferentes áreas temáticas e outras 3 para as comunicacións dos expertos sobre os seus traballos. Este xoves a sala de plenarios comezará debatindo sobre a agroindustria ás 9:30 horas e medio ambiente e ordenación do territorio ás 12:15 horas. Pola tarde os participantes poderán discutir na mesma sala sobre desenvolvemento rural e proxectos de cooperación ás 16:15 horas, sobre seguridade e saúde ás 17:00 horas e sobre medio ambiente e desenvolvemento ás 18:30 horas.
En canto ás comunicacións dos traballos de expertos, a Sala 1 estará dedicada o xoves ao desenvolvemento rural e a proxectos de cooperación de 9:30 a 10:30 e á agroindustria de 12:15 a 13:45 horas. Na quenda de tarde analizarase nesa sala o medio ambiente e a ordenación do territorio de 16:30 a 19:30 horas.
Na Sala 2 estudarán durante a xornada do xoves a docencia e metodoloxías de formación a primeira hora e desenvolvemento rural na segunda quenda da mañá. Pola tarde abordarase a xestión de proxectos e a seguridade e xestión da calidade. Medio ambiente e ordenación do territorio ocupará a Sala 3 de 9:30 a 10:30, e a continuación, discutirase sobre a dirección de proxectos. Pola tarde agroindustria e desenvolvemento rural serán os temas a tratar neste espazo.
Recepción do reitorÁs 20:45 horas está prevista a recepción oficial do reitor da USC, Senén Barro, aos asistentes que a continuación realizarán unha visita ao Centro de Interpretación do Miño.