Pasar al contenido principal

A Área de Deportes da USC organiza para o presente mes dúas rutas de sendeirismo

Transitarán entre Cabo Prior e Doniños e entre o Monte Galiñeiro e o Monte Aloia

A Área de Deportes da USC ten previstas para o presente mes de marzo dúas rutas de sendeirismo entre Cabo Prior e Doniños e dende o Monte de Galiñeiro ao Parque Natural do Monte Aloia.
O primeiro dos percorridos realizarase entre Cabo Prior e Doniños o sábado, día 10, cunha lonxitude de dez quilómetros e unha dificultade media. A seguinte sesión prevista será o sábado, día 24, cun trazado que unirá o Monte Galiñeiro e o Parque Natural do Monte Aloia. O itinerario ten unha lonxitude de once quilómetros cun desnivel e un grao de dificultade medios. Nesta segunda ruta, os participantes realizarán ademais unha visita ao Centro de Interpretación do Parque.
En ambos os dous percorridos, as persoas interesadas poderán inscribirse ata o mércores anterior ao día da rota, concretamente os días 7 e 21. Os membros da comunidade universitaria e os ex estudantes deberán aboar quince euros en concepto de inscrición mentres que o prezo para o persoal alleo á USC é de vinte euros.
As saídas realizaranse dende as instalacións da Piscina Universitaria no Campus Sur ás 9:00 horas, tendo previsto o regreso a Santiago ao redor das 18:30 horas. Ademais, o mércores anterior a cada ruta celebrarase unha xuntanza ás 20:00 horas nas oficinas da Área de Deportes, tamén na Piscina Universitaria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.03.2007.