Pasar al contenido principal

Profesores e investigadores da USC participan no libro 'Os Montes veciñais e Man Común' presentado na EPS de Lugo

Profesores e investigadores da Universidade de Santiago participan no libro Os Montes veciñais e Man Común, obra de carácter interdisciplinar presentada este martes, día 30, nun acto celebrado na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Lugo.
Á presentación asistiron o director da EPS, Javier Bueno Lema; o vicerreitor de Relacións Institucionais e coautor do libro, Lourenzo Fernández Prieto; o director xeral de Desenvolvemento rural e tamén coautor do libro, Edelmiro López; o coordinador da publicación, Xaquín Fernández Leiceaga; o profesor Manuel Jordán Rodríguez; e Manuel Bragado de Edicións Xerais.
Xaquín Fernández destacou na súa intervención o carácter interdisciplinario do libro o que “xerou un debate frutífero e deu como consecuencia a creación de varias hipóteses e conclusións’, baseándose nunha sólida base empírica e na recollida sistemática da información. Pola súa banda, Edelmiro López aclarou que a publicación contén tres partes de contido ben diferenciadas, unha primeira dedicada á historia dos montes veciñais; unha segunda na que se fala da situación xurídica, física e social destes montes na actualidade; e unha terceira na que se analizan os determinantes desta situación actual. Ademais, o libro inclúe unha serie de conclusións e propostas para o futuro.
Pola súa banda, o vicerreitor de Relacións Institucionais e coautor do libro, Lourenzo Fernández Prieto, insistiu en que a información contida nesta obra “será moi útil para traballar no futuro” e destacou que o volume encaixa dentro do que se podería denominar ‘I+D social’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.01.2007.