Pasar al contenido principal

O Programa de Creación de Empresas de Base Tecnolóxica Empresa-Concepto apoiou nos seus primeiros tres anos de vida a constitución de quince empresas de alta tecnoloxía

Ao longo dos seus primeiros tres anos de vida o Programa de Creación de Empresas de Base Tecnolóxica Empresa-Concepto propiciou a constitución en empresas de alta tecnoloxía de 15 proxectos baseados na investigación universitaria, seis procedentes de investigadores da USC, cinco da de Vigo, tres da Coruña e un correspondente ao CSIC. En total, conseguíronse crear 72 empregos directos.
Estes datos presentáronse esta mañá no Hostal dos Reis Católicos de Santiago no transcurso dun acto no que se deu conta dos primeiros anos de funcionamento do programa e no que interviron o director do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía da USC, Carlos Hernández Sande, e os directores xerais de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e de Promoción do Emprego, Salustiano Mato de la Iglesia e Álvaro Ansias Bacelar, respectivamente. Á presentación asistiron ademais a vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, María José Alonso; o vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger; o vicerreitor de Ferrol e Relacións Universidade-Empresa da Universidade da Coruña, Luis Fernando Barral Losada; e o director da Oficina de Transferencia de Tecnoloxía do CSIC, José Luis de Miguel Antón.
Empresa-Concepto é un programa público que busca a creación dun contorno favorable para o xurdimento de empresas de base tecnolóxica de carácter universitario, baseadas no coñecemento e nos resultados de investigación. O seu obxectivo é a dinamización de grupos de investigación con potencial empresarial así como a detección de resultados de investigación ou capacidades tecnolóxicas que conformen un futuro ‘spin-off’.
As consellarías de Innovación e Industria e de Traballo da Xunta de Galicia, a proposta das tres universidades galegas e da delegación en Galicia do CSIC, impulsaron en 2004 o nacemento deste programa que ten posto a disposición dos investigadores os medios económicos e humanos que posibilitan a detección e avaliación daquelas ideas de negocio susceptibles de transformarse nun negocio a través do establecemento dunha empresa de base tecnolóxica e a comercialización de bens e servizos baseados nesas tecnoloxías.
No marco deste programa, dun total de 20 proxectos baseados no coñecemento xerado nos centros de investigación das institucións participantes, 15 constituíronse en empresas de alta tecnoloxía. Delas, cinco pertencen á área da Biotecnoloxía, catro á das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, outras catro ao eido da enxeñaría, un ao das Ciencias da Saúde e outra ao das Ciencias Sociais.
Renovación do programa para 2006-2008Nos dous vindeiros anos, o obxectivo deste programa é manter a súa condición de único referente na creación deste tipo de empresas en Galicia así como axudar á creación doutras 22 empresas ‘spin-off’. Para elo, as institucións implicadas no programa, as tres universidades galegas, o CSIC e as consellarías de Traballo e de Innovación e Industria renovaron este mércores o seu compromiso cun financiamento de 605.000 euros para o período 2006-2008.
Neste mesmo período o programa Empresas-Concepto formúlase como meta que o sistema universitario galego siga mantendo no conxunto do estado unha posición destacada neste campo e nivelar os desequilibrios territoriais existentes, ademais de intensificar as actividades de difusión, sensibilización e formación.
Coa finalidade de difundir a cultura emprendedora entre a comunidade universitaria e a sociedade en xeral, a nova etapa do programa desenvolverá varios actos de presentación, cursos de formación, charlas de sensibilización, a edición dunha memoria de actividades e dunha guía de creación de Spin-Off e Boas Prácticas xunto coa elaboración dunha asociación de Empresas de Base Tecnolóxica xurdidas do Sistema Universitario Galego.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.01.2007.