Pasar al contenido principal

Os Campus de Compostela e Lugo súmanse aos concertos do ciclo 'Clásicos en Ruta'

A acordeonista Arantxa Aguirre actúa o luns, día 15, no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca

Os Campus de Compostela e Lugo acollerán a vindeira semana unha serie de concertos enmarcados no ciclo ‘Clásicos en Ruta’, un programa que desde 2002 organiza en toda España a AIE, entidade de xestión dos dereitos de propiedade intelectual de artistas, intérpretes e executantes, co fin de dinamizar a actividade de novos artistas. Esta é a primeira ocasión na que a USC participa no programa.
O primeiro concerto de acordeón clásico, a cargo de Arantza Aguirre, terá lugar o luns, día 15, ás 21:00 no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca en Santiago e ao día seguinte, martes 16, ás 20:30 no Salón Rexio do Círculo das Artes en Lugo. Arantxa Aguirre, acordeonista vasca nacida en 1982, conta con numerosos premios de interpretación e ten actuado con Ute Lemper, coa Orquestra Sinfónica de Tenerife e coa Real Filharmonía de Galicia. Nos concertos da vindeira semana ofrecerá un programa con obras de Chaikovski, Mozart, Luis de Pablo ou Antonio Soler, entre outros, que permitirán descubrir as grandes posibilidades cultas dun instrumento como o acordeón, máis coñecido pola súa faceta popular.
O segundo recital correrá a cargo do Cuarteto de Contrabaixos e terá lugar en Compostela o mércores, día 17, ás 21:00 horas en Fonseca e o xoves 18 ás 20:30 no Círculo das Artes en Lugo. Este cuarteto naceu en 1991 na Escola Superior de Música Raíña Sofía baixo o auspicio do mestre Ludwig Streicher e está integrado na actualidade por Raquel de la Cruz, Sergio Fernández, José Andrés Reyes e Álvaro Yepes, catro novos pero sólidos músicos que conforman esta pouco común formación camerística. En Santiago e Lugo ofrecerán un programa con obras de Bretón, Zamacois, Mozart, Brahms ou César Franck, entre outros.
Estes concertos, de entrada libre, dan comezo a dous programas abertos que, baixo a denominación ‘Música en Fonseca’ en Compostela e ‘Música a Carón da Mosqueira’ en Lugo, pón en marcha a USC como puntos de encontro da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral coa música, dando cabida a diferentes propostas musicais ao longo do ano.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.01.2007.