Comeza o Foro Interea 2007 sobre a cultura e a educación diante dos novos desafíos da participación social
O grupo SEPA-Interea que dirixe o catedrático José Antonio Caride celebra os vindeiros días 25 e 26 de xaneiro no pazo coruñés de Mariñán o Foro Interea 2007, un espazo de encontro e diálogo dos responsables políticos e técnicos das áreas de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico dos concellos coruñeses. No acto inaugural, previsto para as 16:30 horas, participarán o deputado e presidente da Comisión de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico Artístico, Celestino Poza; o propio José Antonio Caride, e a coordinadora do Foro, Laura Cruz.
O encontro continúa a liña de actuación sobre participación social que vén marcando as diferentes actividades desenvolvidas ao longo do presente curso. Nel agárdase a presenza dun centenar de persoas provenientes de 46 concellos de A Coruña, que se involucrarán en diversas propostas formativas de reflexión e acción participativa, combinadas coa presentación de propostas e experiencias que se están consolidando nos municipios da provincia.
Como relatores participan Tomás Rodríguez Villasante, da Universidade Complutense de Madrid; Oscar Rebollo, da Autónoma de Barcelona; Carmen Morán, da USC; Daniel Romero, do Concello de Fene; Alberto García, do Concello de Boiro; e Luis Teira, da Asociación Cultural Altofalante.
A iniciativa organízase no marco do convenio de colaboración asinado entre a USC e a Deputación Provincial coa finalidade de promover actividades de investigación, edición e formación nos ámbitos sinalados.