Pasar al contenido principal

O reitor da USC e as conselleiras de Cultura e de Educación inaugurarán o Foro sobre 'Muller en Investigación e Sociedade' do Grupo Compostela de Universidades

O Foro desenvolverase os días 25 e 26 de xaneiro na Facultade de Ciencias da Comunicación para analizar o papel da muller no ámbito social e investigador como vía para contribuír á desaparición da...

O Grupo Compostela de Universidades organiza este xoves, día 25, e o venres 26 na Facultade de Ciencias da Comunicación o Foro Compostela sobre a Muller en Investigación e Sociedade, un encontro no que se analizará o papel da muller no ámbito social e investigador como vía para contribuír á desaparición da desigualdade por cuestións de xénero.
O encontro presentouno en roda de prensa este mércores 24 o presidente do Grupo Compostela, Michael Cooper, que estivo acompañado polo vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández, e da secretaria executiva do Grupo, Beatriz Iglesias.
A actividade inicial deste foro será a presentación do Grupo Helsinki sobre Mulleres e Ciencia, colectivo constituído pola Comisión Europea en 1999 que foi merecedor, por decisión unánime do xurado, do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia 2006. O Foro Compostela tratará ademais cuestións relacionadas coas boas prácticas para participar no VII Programa Marco, presentándose diversas iniciativas institucionais, relatorios e proxectos relacionados coa muller ou realizados por mulleres, con especial atención á investigación universitaria.
Programa do ForoA inauguración oficial do Foro desenvolverase este xoves, día 25, ás 11:30 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación nun acto no que está prevista a presenza do reitor da USC, Senén Barro; as conselleiras de Educación e de Cultura, Laura Sánchez Piñón e Ánxela Bugallo, respectivamente; e do presidente do Grupo Compostela, Michael Cooper. A continuación, procederase á presentación da Unidade de Muller e Ciencia da Xunta coa presenza da secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Mª do Carme Adán Villamarín.
O programa científico do encontro comezará con anterioridade, ás 9:00 horas, nunha sesión de apertura na que intervirán Michael Cooper, o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC e a representante do Grupo Helsinki sobre Muller e Ciencia en Lituania, Meilute Taljunaite. Deseguido, a partir das 9:30 horas, abrirase unha quenda de intervencións arredor do tema ‘Políticas de xénero nas institucións europeas’, na que intervirán a investigadora da Comisión Europea, Karen Slavin; a representante do Grupo Helsinki en Alemaña, Barbara Hartung; a secretaria xeral da Plataforma Europea para as Mulleres na Ciencia, Maren Jochimsen; e a directora da Unidade de Muller e Ciencia do Goberno Español, Capitolina Díaz.
Logo do acto de inauguración oficial, a partir das 13:00 horas, o Foro continuará o seu programa científico cunha serie de relatorios sobre ‘Políticas de xénero nas universidades galegas’. Nesta quenda participarán as vicerreitoras de Calidade e Planificación Estratéxica da USC e de Organización Académica da Coruña, Mª Paz García Rubio e Ana Dorotea Tarrío, respectivamente; e a directora da Área de Igualdade da Universidade de Vigo, Coral del Río.
O programa reanudarase pola tarde coa celebración dunha mesa redonda titulada ‘Muller e investigación, unha longa carreira’ de entrada libre e na que achegarán as súas respectivas experiencias mulleres cunha dilatada traxectoria no eido da investigación e a docencia universitaria e novas investigadoras que na actualidade acaban de rematar a súa tese de doutoramento ou xa teñen rematado este período de investigación.
As sesións do venres, día 26, tratarán de afondar nas iniciativas sobre cuestións de xénero no seo do Grupo Compostela, así como expoñer unha perspectiva feminina nas áreas de Ciencia e Humanidades ou facer unha descrición da situación que se vive en países mediterráneos e latinoamericanos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.01.2007.